A Xunta abre a próxima semana o prazo de solicitude de vacacións familiares nas residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño

O vindeiro luns 15 de maio publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para as estadías nas dúas instalacións

As prazas acadarán as 2760, a maior oferta feita neste programa

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta abrirá a próxima semana o prazo de solicitude para que ás familias de Galicia poidan desfrutar do verán nas Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño. O luns día 15 de maio publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, e a partir do día seguinte xa se admitirán solicitudes.

O Goberno galego este ano conta con 2760 prazas para achegarlles ás galegas e galegos máis posibilidades nesta campaña estival. Outra das novidades que haberá nesta convocatoria é a ampliación das quendas ata finais de setembro, para aquelas familias con fillos maiores ou sen fillos que tamén queiran desfrutar destas residencias.

O total das prazas distribúense do seguinte xeito: 1320 prazas na Residencia de Tempo Libre do Panxón, en Nigrán; e 1440 na Residencia de tempo Libre do Carballiño. Ata o día 30 de maio está aberto o prazo de solicitude. Poderá realizarse a través da sede electrónica da Xunta.

Prezos e descontos

Ao igual que en convocatorias anteriores, as familias de especial consideración como as numerosas, as monoparentais, as acolledoras ou as vítimas de violencia machista terán prioridade no acceso a unha destas prazas. Ademais, a Xunta volveu adiantar publicación da convocatoria para darlle máis marxe ás familias para organizar as súas vacacións de verán.

As familias contarán con servizo de aloxamento e de comedor para desfrutar durante a súa estancia de todas as comodidades mentres poden aproveitar o tempo de vacacións para fortalecer os lazos familiares e gozar de tempo de ocio e lecer.

O prezo por persoa e día é de 37 euros en pensión completa, ao que se engaden descontos por nenos (dun 50%) e familias de especial consideración como numerosas ou monoparentais, acolledoras ou vítimas de violencia machista (dun 30%).