Juan Carlos Francisco do Psdeg-Psoe reclámalle á Xunta que lle permita ao concello de Verín desbloquear o polígono de Tamagos

Juan Carlos Francisco acusa ao goberno galego de paralizar o que debera ser o polo industrial de Monterrei, que fica convertido nun “monte cheo de silvas”

Trasládalle á Xunta a vontade do disposto a comprar parte do Polígono

AVANTAR ACTIVIDADES

O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, reclamoulle hoxe ao goberno galego que desbloquee o proxecto do Polígono de Tamagos, en Verín, permitíndolle ao Concello que tome baza e comece coa primeira fase con recursos propios. Francisco presentou unha pregunta oral na Comisión de Economía do Parlamento na que advertiu que o desleixo do goberno galego ten feito do lugar “un campo de silvas”.

O responsable socialista urxiu ao goberno galego a tomar unha das tres vías posibles, que son cumprir coas súas competencias e urbanizar o terreo, asinar o un convenio co Concello para que poida urbanizalo ou ben venderlle parte do espazo. Sinalou neste sentido que Verín está “disposto a comprar parte do Polígono” dada a incapacidade do Executivo para iniciar unha actuación fundamental para a economía de Monterrei.

Juan Carlos Francisco emprazou ao goberno galego a, de no ser quen de iniciar a urbanización do Polígono, “chegar a un acordo que lle permita ao Concello de Verín asumir o impulso da actuación iniciando a execución dunha primeira fase do parque”. Pediulle á Xunta que “dimensione o proxecto sectorial de acordo coas posibilidades municipais, e tendo en conta as condicións de demanda existentes e da propia iniciativa”.

10 anos de parálise

O Polígono de Tamagos, explicou, é un proxecto que se remonta ao goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, que permitiu que o proxecto fora aprobado no Consello da Xunta do 20 de abril de 2011. Sen embargo, dende entón o goberno galego non fixo nada para desenvolver as licitacións, por moito que dispoña da competencia para o seu desenvolvemento a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Explicou que a día de hoxe  o dito polígono, situado nunha zona inmellorable, a camiño das principais vías de comunicación, o que fai del un elemento central do futuro desenvolvemento da comarca de Monterrei, en realidade “é un monte cheo de silvas, o reflexo perfecto da política industrial da Xunta de Galicia para Ourense e a comarca”.