O Psdeg-Psoe de Cartelle impulsa que a torre de Sande pase a dominio público de forma “inmediata” para proceder a súa recuperación e posta en valor

Os socialistas celebran que a súa moción fose aprobada por unanimidade no pleno municipal e agardan que o Concello inicie os trámites oportunos para que a torre pase a ser de titularidade pública

O voceiro do PSdeG, Jesús Pereira, subliña que se trata dun día “moi importante” para Cartelle “xa que por fin poderemos recuperar e pór en valor unha das nosas xoias patrimoniais”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Cartelle acadou o apoio unánime da corporación municipal, durante o pleno celebrado esta mañá, para que a Torre de Sande pase a dominio público de forma “inmediata”. Os socialistas presentaron unha moción que contou, co apoio de todos os grupos políticos, na que lle reclamaban ao Concello que iniciase os trámites necesarios para que a Torre, Ben de Interese Turístico Nacional, pasase a titularidade pública.

Os socialistas celebran que a moción saíse adiante a gardan a que o grupo de goberno municipal do Partido Popular cumpra agora co acordado na sesión plenaria e inicie os trámites oportunos para que se leve a cabo este cambio de titularidade. A Torre de Sande é unha das maiores xoias arquitectónicas do Concello de Cartelle, pero “atópase nun estado calamitoso, cheo de gretas que fan perigar a estabilidade da estrutura e totalmente abandonada”, sinalan os socialistas do municipio. Trátase dunha torre conservada do antigo castelo, que conta con varias plantas de altura e aínda que a súa orixe é incerta, hai datos históricos que falan da súa existencia xa no século XII, pero tal e como afirman dende o PSdeG de Cartelle “a torre quedou abandonada no século XIX e a actual propietaria, a familia Reza non pode facer fronte os gastos de rehabilitación”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense no municipio, Jesús Pereira , o de hoxe “é un día moi importante para o noso municipio, xa que por fin poderemos recuperar e pór en valor unha das nosas xoias patrimoniais”. En palabras de Pereira, a Torre de Sande “é un elemento clave na historia do noso Concello, motivo polo que subliña “a importancia de que pase a mans públicas”.

O voceiro socialista tamén sinala que “dado o seu deterioro, agardamos que se recupere en condicións idóneas e poida servir como referente turístico de Cartelle, xa que estamos seguros que será unha importante fonte de ingresos para o municipio, pola chegada de turistas e que incluso podería xerar postos de traballo de forma directa e indirecta, motivos moi importantes nestes tempos de pandemia”.

O Grupo Municipal Socialistas recalcou durante a defensa da moción que coa titularidade pública, a Torre de Sande “será recuperada para beneficio da veciñanza de Cartelle” e avogaron por unha xestión “pública, transparente e correcta”. Os socialistas destacan tamén que agardan que “coa súa recuperación integral e posta en valor patrimonial a Torre cambie por completo a súa imaxe para ser a referencia patrimonial que Cartelle e as súas xentes merecen”.