César Varela García : Son do Carballiño, orgulloso de ter pertencido ao grupo de mozos da A. C. AVANTAR, profesor de E. MÉDIO en CANGAS DO MORRAZO por moitos anos , onde pillou o millor da cultura da BEIRAMAR galega; que millorou o seu galego morando seis anos no Brasil, pasou outra gran tempada en Londres, e logo em contacto coa cultura musulmana en Ceuta, onde se xubilou. Sempre ollando mundo con ollos de galego e militando sempre nas filas do nacionalismo.
Artigo : ” PARTÓVIA: posíbel orixe do seu nome ”
PARTÓVIA é unha parroquia do concello do Carballiño sonada polo antiga instalación balneária baseada nas suas mornas e enxofradas águas

A granxa, a
tulla, ou o couto de Partóvia; así aparece referido o noso lugar na colección
diplomática do mosteiro de OSEIRA; dando conta de que dende recuados tempos foi
un dominio agrícola do mosteiro cisterciense.
Recollemos desa colección o detalle de como, no ano de 1155, o conde D. Rodrigo
e a súa muller a condesa Dona Fronilde donan aos abades D. Sancho e D. Vital
diversos lugares en PARTÓVIA e Mouriz.
Nise mesmo cartulario aparece o nome da parroquia con diferentes grafías:
PARTOBIA, PARTOVYA, PARTUVIA, PERTHOVEA e PERTOVIA.
Os intentos de explicazón do nome do lugar xiran ao redor da condición do PORTO
ou PASO que representa o veciño PORTO DE ÉGUAS.
Pénsase como procedendo dun hipotético PORTO de AVIA como paso ás terras baixas
do Ribeiro ou mesmo imaxinativas orixes partindo dun PORTO DA VIDA, de difícil
evolución gramatical.
O feito de non existir nen na Galiza nen no viciño Portugal un lugar con un
nome semellante dificulta adscribir este nome a unha familia toponímica
determinada.
Nós mesmos,e levados pola súa consideración agrícola de Granxa de Oseira,
estivemos tentados de derivala dunha PRATÚMIA, ou sexa, terras de prados do
mosteiro, pensando que o cultismo da língua clerical tería impedido a lóxica
evolución a PRADUMIA ou PRADUVIA.
Noxendía, preferimos colocar o nome de PARTÓVIA na familia de topónimos
derivados das pedras, Paradanta, Parafita, e por aí,…
Lembramos
dos nosos tempos de rapaces, cando ibamos aos loureiros ao viciño lugar das
ADEGAS para exibir o domingo de Ramos.
Tentábamos traguer os ramos mais grandes, aos que se lle engadía un pouquiño de
olivo,” para que colla a bendición ” decíamos entre a rapazada. Ao fin
da misa e cos ramos bendicidos, ¿que facer con iles?
A solución que lle dabamos era organizar unha tremenda batalla, chamada “a
mallota” ao pé da igrexia que xa deixaba os ramos suficientemente
depinicados.
Aquelas covas entre os penedos gardan o antigo nome de AS ADEGAS, debido a que
deberon ser usadas en antigos tempos para gardar as cubas do mosteiro.
Era emocionante entrar na cova grande das ADEGAS,que lle chamabamos “a
catedral”, e explorala con linternas e fachicos até chegar ao río que se perdía
entre os penedos.
Moito nos chamaban a atención aquelas pedras furadas polo vento e a erosión da
auga que abundaba no lugar.
Non sabemos quen colocou ao pé do chafariz de Partóvia, no medio da praza e
como escultura tirada da natureza unha deses penedos furados; o caso é que quen
o fixo atinou coa orixe do nome da parroquia.
Velaí a nosa opinión de hoxe:
Derivamos o nome de PARTÓVIA, dunha orixinaria PETRA TÓFINA→TÓBIA dun TOFUS
latino, co significado de “poroso” ou con buratos; onde o -f- pasou a -b- ou
-v- conforme acontece en os nomes de DEVESA, que procede dunha latina DEFESA ou
TREVIÑO evoluido dun antigo marco TRIFINIUM.
A evolución debeu ter sido así:
PETRA TÓFINA > PERA TÓVINA >PARA TÓVIA > PARTÓVIA
Ao fin, o nome de PARTÓVIA, sería un xeito moi antigo de chamarlle a unha PEDRA
FURADA, tan destacada sería, que debía ter chamado a atención da xente para
pasar a ser a denominación do lugar.
Dentro da parroquia, o fenómeno mais sorprendente da natureza é o que acontece ao redor do rio que pasa por O PENEDO.
Este rio recebe varios nomes: É o RIO DE CORZOS , por que nasce alí, no monte de Corzos, os de Flores sempre lle chamaron O REGUEIRO, ao pasar pola carretera de Ribadavia xa lle chamabanos O RIO CARRÁS logo é chamado O RIO DO PENEDO, para morrer no Ávia, co nome de RIO DO BARÓN.
Pero é no lugar do PENEDO onde acontece con este rio un fenómeno que moito nos surprendia cando éramos rapaces:
O rio sume entre as penas e volve emerxer varios centos de metros depois, ao pasar as Adegas. Acontécelle o mesmo que ao rio Guadiana !
E matinamos nós, il non será ? iste feito tan inusual, o que chamou a atención aos nosos devanceiros, e chamaron a aquel lugar , o da pedra furada, a pedra que engole, nada menos, que ao rio inteiro.
Daí o nome da nosa parroquia PARA TÓFEA ou PARTÓVIA.
César Varela