A Deputación aproba subvencións para a MIT de Ribadavia e para os concellos de Punxín e Beariz

Videoconferencia da Xunta de Goberno. Asisten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1º); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Jorge Pumar (Deputado PPOU); Luz Doporto Real (Deputado PPOU); Cesar Fernández Gil (Deputado PPOU); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Mónica Legaspi (Interventora Deputación Ourense); Juan Marquina e Adamantino Barreiro García (Secretario e ViceSecretario da Deputación Ourense).

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, presidida por Manuel Baltar, aprobou hoxe a concesión dunha subvención nominativa por importe de 30.000 euros en favor do Concello de Ribadavia para a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia para este ano 2021, mostra que no seu programa provisional ten previsto o desenvolvemento de actividades ao longo de dez días, entre o 16 e o 25 de xullo. Asemade, tamén no eido da cultura, a Xunta de Goberno aprobou a fixación de prezo público para a venda do catálogo da exposición Galicia, de Nós a nós, establecendo o mesmo en 15 euros. 

Publicidade

No que atinxe a cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno acordou modificar o Plan provincial de Obras nos concellos do Bolo e Pontedeva para a realización no primeiro deles da obra “Aforro enerxético en Valbuxán, Valdanta, O Cruceiro-San Salvador e Barrio de Outeiro”, cun orzamento total de 48.000 euros; e para o Concello de Pontedeva anular a obra inicialmente prevista para poder destinar unha achega de 51.000 euros ao Plan Provincial para os concellos a causa da pandemia do COVID-19. 

Por outra banda, para o Concello de Beariz aprobouse unha achega de 5.808 euros para a posta en valor da antiga Botica Doade, e para o Concello de Punxín, unha achega de 5.000 euros para o servizo de transporte municipal para persoas dependentes, correspondente ao ano 2021. 

Comité COVID-19 

Tamén hoxe tivo lugar a reunión do Comité de seguimento do COVID-19, presidida polo titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xuntanza telemática na que se analizou o desenvolvemento da pandemia en Ourense e a afectación que está a ter no ámbito laboral no que atinxe á entrada en vigor da ordenanza de teletraballo no entes dependentes da Deputación, en neste sentido, os servizos que se prestan a concellos e veciñanza, dentro desta terceira onda da pandemia.