A supresión de taxas e axudas directas a hostalaría de Ribadavia serán unha das prioridades do futuro goberno.

Os grupos de PSdG-PSOE e Ribeiro en Común continúan anunciando algunhas das medidas máis urxentes do seu futuro goberno.

O 1 de xaneiro de 2021 o actual goberno volvía de novo a cobrar as taxas á hostalaría, despois de que o Pleno aprobara por unanimidade a súa supresión durante o 2020, e fíxoo a pesar que os hostaleiros tiñan a súa actividade pechada.

AVANTAR ACTIVIDADES

O actual goberno non viu necesario esta forma de axuda a hostalaría de Ribadavia e decidiu volver a cobrar a taxa aos nosos hostaleiros e hostaleiras.

Para nós sen embargo, a supresión das taxas á hostalaría é unha axuda moi importante, xa que estamos a falar dun sector moi golpeado pola crise, tendo que pechar obrigatoriamente, o que significa que non puideron traballar, o que lle resta sentido a que se lle cobre estas taxas.

O sector merece este esforzo por parte do Concello, falamos de case 20.000 euros en ingresos, e o futuro goberno comprometese non só a aprobar este tipo de axudas senón que tamén ten preparadas unha liña de axudas directas á hostalaría e a outros sectores como Autónomos, PEMES, e viticultores, así como a desempregados sen prestación de Ribadavia.

Todas as axudas aprobadas serán progresivas, sendo beneficiadas aquelas persoas que máis gastos teñen no seu negocio e aquelas persoas que dispoñen de menos recursos.

Así, hoxe anunciamos que o noso futuro goberno non cobrará as taxas de terraza da hostalaría durante o ano 2021, tratándose dun dos sectores que máis está padecendo os efectos da crise, e tamén lanzaremos unha liña económica de apoio a traballadores autónomos, PEMES, hostalaría e viticultores do noso concello, tamén moi castigados neste último ano.

Nos vindeiros días iremos anunciando máis medidas que o futuro goberno aprobará por vía de urxencia.