O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén visita as obras da casa da cultura ‘Nelson Zumel’ de Baltar

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través dun convenio asinado co concello inviste preto de 50.000 euros no seu acondicionamento
  • O delegado territorial verificou o bo ritmo dos traballos, e explicou que “un dos obxectivos prioritarios do Plan hUrbe, promovido pola Consellería de Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é a de mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos có fin de proporcionar unha oferta de calidade e axeitada ás necesidades da poboación”
  • Gabriel Alén subliñou que “trátase de incrementar a oferta de infraestruturas e equipamentos óptimos para o desenvolvemento de actividades e eventos de carácter cultural que permitan garantir o acceso á cultura á totalidade da poboación”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ata o Concello de Baltar para comprobar o estado das obras da Casa da Cultura “Nelson Zumel”, na que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través dun convenio asinado co concello inviste preto de 50.000 euros no seu acondicionamento. Trátase dunha segunda fase de actuación que completa unha  primeira iniciativa na que a Xunta investiu 165.419 euros nas obras de adecuación e mellora do contorno da Casa do Concello.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Despois de manter un encontro institucional na Casa do Concello con seu alcalde, José Antonio Feijóo, onde despacharon as principais demandas deste municipio en relación á Administración autonómica, ámbolos dous achegáronse á Casa da Cultura para percorrer as distintas salas do edificio, así como o seu entorno inmediato onde se están desenvolvendo as distintas actuacións de mellora.

As obras supoñen o arranxo e adecuación dunha edificación en planta soto, baixa e unha planta alta para Casa da Cultura. As actuacións nas que se está a traballar consisten na colocación dunha nova cuberta, a montaxe de canles e baixantes de alumino lacado, a renovación do revestimento exterior, o acondicionamento acústico do salón de actos e a instalación de iluminación LED no salón de actos. Nas inmediacións da edificación, tamén se humanizará o espazo peonil, se delimitarán as zoas de aparcamento de vehículos coa colocación dun pavimento de pedra, instalarase unha nova iluminación e soterrarase as liñas aéreas existentes.

O delegado territorial verificou o bo ritmo dos traballos, e explicou que “a Consellería de Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsou o Plan hUrbe, coa finalidade de dar resposta a un obxectivo prioritario como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos, có fin de proporcionar unha oferta de calidade e axeitada ás necesidades da poboación có fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais da nosa comunidade autónoma”.

Nesta liña de traballo en colaboración cos concellos, subliñou Gabriel Alén, “trátase de conservar o estado dos inmobles e de incrementar a oferta de infraestruturas e equipamentos óptimos para o desenvolvemento de actividades e eventos de carácter cultural que permitan garantir o acceso á cultura á totalidade da poboación”.

Así mesmo, continuou delegado territorial, “dende o Goberno galego consideramos que é necesario acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as  infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes.

Plan Hurbe e nova orde de axudas para 2021

A Xunta puxo en marcha este programa hUrbe no ano 2010 para contribuír á posta en valor das vilas galegas e dos núcleos rurais a través da colaboración coas entidades locais na execución de actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciar infraestruturas, servizos e equipamentos públicos e, en definitiva, mellorar a calidade de vida dos veciños.

Na última década e con cargo ao Plan Hurbe, a Consellería de Medio Ambiente ten executado ou comprometido un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, actuacións que suporán a mobilización de 148,96 millóns de euros.

Esta liña de colaboración coas entidades locais terá continuidade tamén en 2021, un ano no que, segundo explicou a conselleira, os orzamentos do seu departamento reservan máis de 7,4 millóns de euros para financiar actuacións en municipios e contornas urbanas.

Así, convocará unha orde de axudas bianual dotada con 2,3 millóns de euros -1,3 M€ para este ano- destinada á creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 50.000 habitantes; e investirá o resto do orzamento reservado en actuacións municipais que cumpran cos obxectivos de dinamización social e humanización do devandito programa.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------