O Psoe de Cartelle esíxelle ao goberno municipal do pp uns servizos médicos dignos

O PSdeG-PSOE de Cartelle esíxelle ao goberno municipal do Partido Popular que abandone a “inacción” e se implique “dunha vez por todas” na loita da veciñanza para esixirlle o Sergas e a Xunta de Galicia uns servizos médicos dignos. Os socialistas explican que a veciñanza, “farta” da “deixadez” do Concello, tomou cartas no asunto ante a ausencia dun facultativo na consulta de Cartelle, e está recollendo firmas para instar ao Sergas a reposición inmediata da atención médica en dita consulta.

Dende o Grupo Municipal Socialista apoian de forma “rotunda” as reivindicacións dos veciños e veciñas de Cartelle, que nos últimos tempos non poden dispor de atención médica no seu ámbito, véndose obrigados a desprazarse máis de 20 quilómetros, ata Outomuro, para recibir asistencia médica ou acudir a consulta. Unha situación que para os socialistas “é moi grave”, xa que segundo apuntan “falamos dunha poboación moi envellecida, que en moitos casos non dispón de vehículo propio, o que lles obriga a pagar un servizo de taxi ou a necesitar a axuda de familiare ou veciños para poder acudir a consulta médica”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o voceiro do PSdeG en Cartelle, Jesús Pereira, a situación “é insostible”, polo que lle pide ao alcalde Jaime Sousa e o grupo de goberno do Partido Popular que “traballen pola veciñanza, escoiten as súas reclamacións e poñan cartas no asunto para esixirlle aos seus socios na Xunta que rematen cos recortes sanitarios en Cartelle”. O concelleiro socialista apunta que “é de xustiza que a veciñanza teña uns servizos sanitarios dignos e que o seu goberno municipal pelexe porque así sexa e non estea desaparecido en combate e abandonando aos nosos veciños e veciñas nas súas reivindicacións”.

Pereira tamén apunta que para os veciños e veciñas da parroquia de Cartelle e das do arredor a falta de facultativo na consulta suponlles un “agravio” no seu día a día. Resalta que aos problemas para atopar transporte, “súmase a enorme dificultade dunha poboación con carencias de mobilidade e que ven como se está desmantelando a parte máis valorada do seu benestar como é a atención médica de proximidade”. O voceiro do PSdeG-PSOE no municipio subliña tamén que as políticas de desmantelamento e recorte do PP “sempre as paga o rural e neste caso tocoulle a Cartelle”.

“Dito abandono propicia ademais un empobrecemento do conxunto social e económico no ámbito de Cartelle, dado que a falta de centro de saúde ten efectos colaterais”, explican os socialistas. “O declive de Cartelle é progresivo e como veciños da contorna non estamos dispostos a aceptalo”, apuntan antes de afirmar que “seguiremos denunciando o abandono xeral e continuado por parte do alcalde, deste amplo ámbito do Concello de Cartelle, nunha estratexia de desequilibrio”.

Os socialistas lembran que xa no mes de agosto denunciaron publicamente esta situación, pero segundo denuncian “o Concello non moveu un só dedo para esixirlle a Consellería de Sanidade solucións a esta problemática de falta de médicos”. Tamén apuntan que ademais no caso da consulta médica de Cartelle, a situación é “dobremente preocupante”, xa que o grupo escolar que se atopa nesta parroquia tamén se beneficiaba da atención médica e agora “os nenos e nenas, mestres e o persoal laboral tampouco dispoñen de atención médica a carón do centro de estudos”.