O Psdeg-Psoe de Cartelle esixe que o novo plan básico para reordenar o urbanismo presentado onte polo PP teña en conta as reclamacións de centenares de veciños e veciñas

Os socialistas amosan a súa conformidade coa aprobación do plan básico, pero fan fincapé na necesidade de solucionar os problemas que se arrastran durante anos de casas construídas en chan rústico

O voceiro do PSdeG en Cartelle, Jesús Pereira, subliña que “se cando se fixeron as casas non se debían ter feito, o normal e que agora se opte por dar solución a esta xente que pode perder a súa vivenda”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Cartelle vén de esixirlle ao grupo de goberno municipal e a Xunta de Galicia que se dea unha solución no plan básico de urbanismo aos case 700 veciños e veciñas de Cartelle que se verán afectados pola aprobación que onte anunciaron o alcalde do Partido Popular, Jaime Sousa e a conselleira de medio ambiente, territorio e infraestruturas, Ángeles Vázquez. Concello e Xunta asinaron a orde de aprobación inicial do documento, que os socialistas advirten que xerará importantes problemas a centenares de veciños e veciñas, con vivendas que quedarían ubicadas en chan rústico, e que correrían o risco de ter que ser derrubadas trala aprobación deste plan.

Dende o Grupo Municipal Socialista manifestan a súa conformidade para que Cartelle conte cun plan básico de ordenación do urbanismo, pero tamén explican que “non pode ser un plan que beneficie a uns e prexudique a outros”, como acontecerá co plan que o Partido Popular pretende levar a cabo. Os socialistas tamén subliñan a importancia do “tempo” xa que dende que se aproban este tipo de plans ata que se levan a cabo “poden pasar ata 7 anos”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereira, a situación ante que a se atopa a veciñanza “é o cumio dunha nefasta xestión dos equipos de goberno municipal do Partido Popular que xestionaron o municipio nas últimas décadas”. O socialista acusa ao PP de “mirar para outro lado durante anos en temas urbanísticos e non dar solución as reclamacións da veciñanza”. Unha veciñanza que segundo expresa Pereira “está totalmente abandonada polo seu concello é que a nova reordenación urbana provocará que moitas das súas vivendas queden fóra do perímetro que se estableza como urbano nas zonas do rural”.

Pereira Vázquez considera que “se cando se fixeron as casas non se debían ter feito e durante anos non se dixo, fixo nin se tomou ningunha solución aos problemas, o máis normal é que agora que se pretende aprobar este plan de ordenación se lle busque unha solución a estes veciños e veciñas, xa que estamos falando de entre 600 e 700 persoas”. O voceiro socialista subliña tamén que “en cada parroquia vai haber un perímetro que divida a zona urbana da rústica, pero que vai pasar coas casas que queden fóra?”. Unha pregunta que para os socialistas “é moi importante que o goberno municipal lle dea resposta” e propoñen que “se aumente o perímetro e se dea solución a todos e todas os veciños e as veciñas afectados no noso concello”.

PUBLICIDADE