Manuel Baltar destaca cunha mensaxe de “alento e lembranza” o vivido en Ourense neste ano de pandemia

Na data na que se cumpre un ano desde que a OMS decretou o inicio da pandemia do COVID-19, o presidente da Deputación apela “ao espírito da Ourensanía” e “a renacer, para que agrome un gran futuro”  

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, puxo de relevo hoxe, na data na que se cumpre un ano desde que a OMS decretara o inicio da pandemia do COVID-19, a importancia de “renacer e comezar de novo, para que agrome un gran futuro”. Nun vídeo titulado “Comecemos de novo”, gravado no rural ourensán, Baltar apelou “ao espírito da Ourensanía” e expresou unha mensaxe de “alento e lembranza”, as dúas verbas que, na súa opinión, resumen boa parte do sentir destes 365 días “nos que a sociedade ourensá padeceu a crise mais grave da nosa etapa democrática, nos ámbitos sanitario, económico e social”, valora Manuel Baltar.  

AVANTAR ACTIVIDADES

No texto do vídeo, o presidente destaca: “Xa vai un ano desde que escoitamos palabras como: confinamento, COVID, PCR ou corentena; un ano no que as apertas fuxiron, e con elas foron seres queridos, amigos e moitas persoas, mais non a súa lembranza. Porque un pobo non esquece o seu orgullo. Nin mil primaveras poden coa nosa ilusión”. 

Neste sentido, o presidente da Deputación remarca expresións como “forza” ou “capacidade de sacrificio” para pór de relevo o espírito que sempre nos caracterizou: a Ourensanía, “nunha terra -Ourense- ergueita coma ningunha outra”. Desta maneira, Baltar alenta a “erguer persianas”, e a “estar prestos para que a vacina traia, por fin, a ansiada normalidade”, e remarca: “Fai hoxe un ano que dixeron: “Hai pandemia!”, pero tamén fai un ano que empezamos a prepararnos para deixala atrás”, en alusión aos plans e iniciativas que a Deputación de Ourense vén desenvolvendo a prol dos diferentes sectores sociais da provincia desde marzo de 2020.  

A homenaxe que o presidente Baltar ofrece en formato audiovisual para conmemorar esta efeméride remata cunha das frases célebres de Pondal no Himno Galego: “Os tempos son chegados”, e conclúe afirmando, en referencia á nova etapa poscovid que se prevé iniciar nos próximos meses: “Comecemos de novo”.

PUBLICIDADE