Román Rodríguez anuncia que o Museo do Mar de Galicia acollerá este ano unha gran mostra sobre o arquitecto Antonio Palacios

O conselleiro de Cultura presentou hoxe en Vigo o libro ‘Antonio Palacios. Soños de modernidade. Compromiso con Galicia’ publicado pola Xunta

Publicidade

O volume reúne o traballo de oito investigadores sobre a figura deste arquitecto fundamental para o panorama cultural galego de principios do século XX

A publicación compleméntase coa exposición que se inaugurará no mes de setembro e que contará coa colaboración de entidades públicas e privadas

O Museo do Mar de Galicia acollerá a partir do mes de setembro unha gran mostra sobre o legado e traxectoria do arquitecto Antonio Palacios. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na presentación do libro Antonio Palacios. Soños de modernidade. Compromiso con Galicia que tivo lugar hoxe en Vigo.

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia puxo en valor a figura deste arquitecto cuxo traballo foi fundamental para o panorama cultural galego de principios do século XX. “A actual imaxe de Vigo, e mesmo de Galicia, non tería sido a mesma sen a labor e influencia de Palacios, un galego que aínda que traballou durante moito tempo en Madrid nunca perdeu de vista a súa terra”, subliñou Román Rodríguez.

“O seu labor no eido da arquitectura converteuno nunha figura imprescindible e nun urbanista de referencia que agora, ao cumprise máis de 75 anos do seu pasamento, cómpre recuperar para recoñecerlle o traballo feito”, afirmou o conselleiro, quen precisou que para homenaxealo a Xunta de Galicia publica este novo volume deseñado por Uqui Permui no que se recolle o traballo de oito investigadores sobre a figura de Palacios. “Un libro no que a través da voz destes especialistas se amosan as diferentes facianas dun dos mellores arquitectos galegos”, afirmou.

Concretamente, os colaboradores da publicación presentada hoxe son os historiadores José Ramón Iglesias Veiga, especialista en Antonio Palacios, e Alfredo Vigo Trasancos; os profesores universitarios , Antonio Perla de las Parras, Yolanda Pérez Sánchez, Jesús Ángel Sánchez García e Santiago Rodríguez-Caramés; o arquitecto Álvaro Bonet López e o axente inmobiliario en Madrid Jacobo Armero Chauton.

Percorrido pola obra de Palacios

A visión ofrecida no libro complétase coa exposición centrada na súa figura que se inaugurará no Museo do Mar de Galicia a partir do mes de setembro. Trátase dunha mostra comisariada por Jesús Ángel Sánchez García que percorrerá a obra de Palacios incidindo na súa faceta como arquitecto moderno e implicado na mellora da vida diaria da xente con proxectos como vivendas de aluguer, estacións de metro, hospitais, oficinas, comercios, bancos, sociedades de recreo, hoteis, balnearios ou restaurantes.

Así mesmo, o proxecto expositivo tamén se centra na importancia de Palacios na paisaxe urbana de Galicia, especialmente na cidade de Vigo, onde seu legado está moi presente tanto no desenvolvemento urbanístico como nalgúns dos edificios máis emblemáticos e icónicos da cidade como son o Teatro García Barbón, a Fonte do Cristo ou o edificio Blanca Viñas-Aranda. “Unha mostra, en definitiva, que nos axudará a entender a influencia do traballo de Palacios na imaxe e paisaxe urbana de Vigo e de Galicia no nosos días”, precisou o conselleiro.

Para a realización desta exposición, o Museo do Mar de Galicia contará coa colaboración de entidades públicas e privadas como os concellos de Madrid, Vilagarcía de Arousa e O Porriño, particulares, e institucións como o Museo do Pobo Galego, o Círculo de Bellas Artes de Madrid, o Museo de Pontevedra ou o Metro de Madrid. Así mesmo, como complemento a exposición, deseñarase unha programación didáctica específica que poida ser utilizada nos centros educativos.

PUBLICIDADE