Videoconferencia Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con José Antonio Perozo, para a presentación de "A semana escola da árbore e da auga" na provincia de Ourense.

Un total de 7.000 escolares de Primaria de toda a provincia participarán na 7ª Semana Escolar da Árbore e da Auga, que se desenvolverá entre os días 22 e 26 do presente mes, organizada pola Deputación de Ourense con motivo dos días mundiais da árbore e da auga que se celebrarán os próximos 21 e 22 de marzo, respectivamente.

O presidente provincial, Manuel Baltar, presentou por videoconferencia xunto co escritor Xosé A. Perozo a publicación que nesta edición se distribúe entre os centros educativos participantes: o conto titulado No país das augas, do que é autor Xosé A. Perozo e que conta coas ilustracións de Viki Berre. A obra amosa a importancia da auga para a vida e pon de manifesto a riqueza que posúe a provincia en relación a elemento. O argumento xira en torno á investigación sobre o roubo das augas no balneario de Cortegada, historia que levará aos protagonistas ata outros puntos da provincia como o Macizo Central para coñecer o funcionamento do ciclo da auga na natureza.

Manuel Baltar destaca “a excelente acollida que cada ano ten este programa da Deputación de Ourense, que na presente edición céntrase na importancia da auga nas nosas vidas e a ameaza que representa a crenza de que é unha substancia inesgotable na natureza”, engadindo que Ourense “é o país das augas, un exemplo de abundancia deste elemento, sobre todo no ámbito termal, polo que temos que tomar conciencia do seu valor e fomentar o seu coidado e bo uso”.

Para a celebración da 7ª Semana Escolar da Árbore e da Auga deseñouse unha proposta de actividades e traballos recollidos nun programa destinado aos docentes, así como unha guía do profesorado con todas as pautas que precisen para traballar cos libros que recibirá o alumnado.