Lugar:  Emitirase esta actividade pola canle de youtube de Galiza Cultura (https://youtu.be/TUdkNFja6_I)

Data e hora: xoves, 25 de marzo de 2021, os centros de ensino pola mañá e as asociacións culturais ás 20h. En liña.

O movemento asociativo leva reivindicando desde hai décadas unhas Letras Galegas a Carvalho Calero. Cando ao fin se concederon, unha pandemia fixo que nin no ensino nin nas asociacións puidéramos celebrar como quixéramos esta conmemoración. Demandamos das institucións que se prolongara até este ano esa conmemoración como se está a facer coa maioría dos eventos (véxase o Xacobeo) mais non obtivemos resposta favorábel. Quixemos facer esta celebración máis unha vez, pero vímonos na obriga de aprazala e cancelar as actividades presenciais agardando mellores circunstancias, mais non podemos adiar por máis tempo a nosa homenaxe e difusión, tan necesaria, deste persoeiro a quen tanto debe a nosa lingua e cultura. Por iso, coincidindo coa data do seu pasamento, o día 25 de marzo, propomos unha xornada de recordo e espallamento da súa vida e obra (cancelo: #CarvalhoLinguaETerra).

Desde a Federación Galiza Cultura, en colaboración coas Deputacións da Coruña, de Lugo e de Pontevedra, convocamos ás asociacións culturais e aos centros de ensino a xornada “Carvalho, Lingua e Terra”. Para iso, editamos unha banda deseñada sobre a súa vida, obra e pensamento da autoría de Pepe Carreiro que ademais de imprimir e distribuír gratuitamente, imos poñer a disposición pública en PDF na nosa web (http://galizacultura.gal/carvalho-lingua-e-terra/).

Ademais, ese día, o xoves 25, ás 20:00 h. emitiremos o vídeo sobre Ricardo Carvalho Calero  coa Intervención de María Victoria Carballo-Calero Ramos e a conferencia de Manuel Castelao Mexuto e Mª Pilar García Negro, e posteriormente, ás 20:40 h. celebrase en liña un coloquio cos conferenciantes e representantes das asociacións cultura.

Emitirase esta actividade pola canle de youtube de Galiza Cultura (https://youtu.be/TUdkNFja6_I)