Emigración e o Igape analizan vías de colaboración e proxección económica cos empresarios galegos do Uruguai

Antonio Rodríguez Miranda trasladoulles a implicación da administración autonómica no apoio aos galegos do exterior así como a actual Estratexia Retorna

Dende o Igape trasladóuselles as políticas actuais de promoción internacional de Galicia

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, así como o director área de Internalización do Igape, Augusto Álvarez-Borras Massó, participaron esta mañá nun foro telemático organizada pola Asociación de Empresarios Gallego del Uruguai co obxectivo de compartir as vías de colaboración e proxección económica de Galicia coas empresas deste país.

Durante este encontro, Rodríguez Miranda recordou que a Xunta de Galicia está a desenvolver a Estratexia Retorna co obxectivo de atraer a galegos residentes no exterior, tanto emigrantes coma os seus descendentes, ofrecéndolles cobertura integral das súas necesidades básicas e facilitando a súa integración educativa e laboral.

“Estamos a analizar e executar todas as medidas ao alcance do Goberno galego para conseguir o retorno dos nosos galegos do exterior, tanto fomentando a formación en mestrados nas nosas universidades como apoiando a creación de novas empresas e iniciativas”, explicou o secretario xeral, engadindo que “son máis de 50 as medidas implementadas ata o 2020, e prorrogadas na actualidade para seguir axudando aos nosos galegos e as súas familias”.

Pola súa banda, dende o Igape explicáronse as diferentes liñas de traballo que manexa a administración autonómica para apoiar as empresas galegas, tanto as que poñen en marcha os retornados a Galicia como ás das empresas que traballan na exportación a terceiros países coma Uruguai.

Para iso, cóntanse con liñas de axuda para a internacionalización, para a promoción no exterior ou para a posta en marcha de novas empresas na propia comunidade autónoma.

En 2019 o valor das exportacións de Galicia a Uruguai superou os 20 millóns de euros, baixando en 2020, polo efecto Covid, a 16 millóns de euros. Na actualidade, máis de 100 empresas galegas exportan de forma habitual a este país suramericano.