O Partido Popular esixirá ao Goberno central que rectifique a súa decisión de excluír á viticultura das axudas directas a empresas e autónomos afectados pola pandemia, unha medida cun forte impacto en Galicia e de xeito particular en Ourense, provincia que acolle catro das cinco denominacións de orixe existentes en territorio galego. “Algo absolutamente sorprendente, pois se ten todo o sentido apoiar á hostalería, a restauración e o comercio de alimentación, resulta incoherente deixar fora aos seus provedores de materia prima”, subliñou o senador ourensán, Miguel Ángel Viso.
Nunha iniciativa que tamén asinan os senadores ourensáns Carmen Leyte, Francisco José Fernández e Jesús Vázquez, o Partido Popular lembra que a industria vitivinícola sufriu o peche da hostalería, de restaurantes, do canal Horeca e a inactividade no enoturismo, con perdas na gran maioría da adegas que superan o 30 %. Agora, advirte Viso, “estamos a escasos meses do inicio dunha nova campaña e os efectos da crise aínda están aí, por iso precisan de máis recursos e apoio, como así vimos reclamando desde hai tempo para que se deseñe un plan específico de financiamento, promoción e exportación, porque as medidas adoptadas en 2020 foron totalmente insuficientes”.
O senador ourensán afirma comprender a “sorpresa e indignación” do sector vitivinícola, tras comprobar como o Real Decreto-Lei 5/2021 exclúe a “elaboración de viños” das actividades económicas que poden acceder ás axudas directas, destinadas ao pagamento de obrigacións de débeda e provedores, acredores financeiros e non financeiros ou custos fixos durante a pandemia.
“Unha liña de axudas directas de 7.000 millóns de euros para empresas e autónomos afectados pola crise da COVID-19, co fin de protexer o tecido produtivo e manter o emprego, pero que non ten en conta centos de adegas que cumprirían os requisitos para acceder a estas axudas acreditando unha perda superior ao 30 % do negocio con respecto a 2019”, sinala Viso.
Un sector estratéxico para a provincia de Ourense.
España é o país con máis superficie de viñedo no mundo, o cuarto en produción mundial de uva e o terceiro en viño, xerando 427.000 empregos, o 2,4 % do total nacional.
En Galicia, e máis en concreto na provincia de Ourense, a viticultura é un sector estratéxico no rural. Con cinco denominacións de orixe -Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra- na comunidade galega hai uns 10.700 viticultores, 449 adegas, ao redor de 8.400 hectáreas de superficie cultivada e unha produción anual de máis de 64 millóns de quilos de uva. Ourense, con todo, é un caso único en Europa por ser un dos poucos territorios nos que conviven tantas denominacións de orixe, catro das cinco de Galicia, cunhas vendas de 19,2 millóns de litros de viño e unha facturación de case 90 millóns de euros.
PUBLICIDADE
