A Policía Local do Carballiño incorpora tres axentes completando o plantel de 14 profesionais

A Academia Galega de Seguridade ven de seleccionar tres Policías Locais que completarán o plantel do Carballiño, actualmente con prazas vacantes. Beatriz Viteri, Luis Antonio Mato e David Martínez, procedentes de Ourense, Lalín e Melide respectivamente, completan a plantilla, con 14 axentes ó cargo.

Publicidade

Hoxe foron presentados no salón de plenos do concello, acompañados polo alcalde, Francisco Fumega, o concelleiro de Seguridade, Manuel Sotelo, e o xefe da Policía Local, Francisco Valeiras. Todos eles lles deron a benvida e lles desexaron sorte nesta etapa.

O concelleiro de Seguridade, Manuel Sotelo, explicou como será o proceso de incorporación dos axentes, que se fará definitivo a finais de ano logo da súa formación e prácticas. O día 31 de maio incorpóranse ó corpo e volven á Estrada para a súa formación. Nos meses de verán retornarán ó Carballiño para facer as prácticas e logo volverán á Estrada. A finais de ano formarán parte de xeito definitivo do corpo da Policía Local.

O xefe da Policía Local amosábase satisfeito por esta incorporación, asegurando que ata o de agora había un plantel mermado para o servizo 24 horas, único na provincia salvo na cidade de Ourense.