Juan Carlos Francisco do grupo socialista critica “a improvisación e o retraso” da Xunta e Deputación na construción do parque acuático de Monterrei

Juan Carlos Francisco Rivera lamenta que “case 5 anos despois do primeiro anuncio” só foron executados “pouco máis da décima parte dos 10 millóns de euros” prometidos para o complexo

Os deputados Juan Carlos Francisco Rivera e Carmen Rodríguez Dacosta veñen de criticar “a improvisación e o retraso” na construción do Parque Acuático de Monterrei logo de que o presidente da Xunta recoñecese que non contará co proxecto construtivo das instalacións acuáticas “prometidas por el mesmo” ata o mes de maio deste ano. Fíxoo, a través dunha batería de iniciativas presentadas no Parlamento de Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Case 5 anos despois do primeiro anuncio, só foron executados pouco máis da décima parte dos 10 millóns de euros que a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense levan anunciando anos que investirán neste complexo de Monterrei”, censurou o socialista.

Malia isto, sinalou, o presidente da Xunta participou, o pasado 22 de marzo, na “inauguración” dun espazo que non está rematado, onde asegurou que o proxecto construtivo das instalacións acuáticas “se executará en fases sucesivas non concretadas”.

“A propia Xunta limitouse a salientar que o obxectivo é que as obras das piscinas infantil e familiar estean finalizadas en 2022 e engadiu que, posteriormente, se desenvolverán outras tres fases máis para levar a cabo distintas infraestruturas relacionadas co lecer”, sinalou.

Por todo isto, o responsable socialista pediu ao goberno galego que aclare a “previsión temporal e orzamentaria” coa que traballa a Xunta de Galicia para o “tan anunciado” parque acuático localizado no Concello de Pereiro de Aguiar, xa que este espazo “debería converterse” nun “gran polo de atracción” tanto para a cidadanía como para o turismo na provincia de Ourense.

PUBLICIDADE