O grupo socialista esixe explicacións á Xunta trala “tala indiscriminada” dunha fraga de 2,5 hectáreas na Ribeira Sacra cando aspira a ser patrimonio da humanidade

Pablo Arangüena denuncia a “falla de protección” deste espazo que é parte da Rede Natura 2000 e ten un “elevado valor ecolóxico, cultural e etnográfico”

Publicidade

O voceiro de Medio Ambiente, Pablo Arangüena, vén de esixir explicacións á Xunta de Galicia trala “tala indiscriminada e total” dunha fraga de 2,5 hectáreas formada por especies autóctonas no Concello de Parada de Sil, na Ribeira Sacra, mediante a cal “se eliminou todo o sotobosque e o bosque de ribeira ao carón do regato da Senra”. Fíxoo, a través da presentación dunha batería de iniciativas, no Parlamento de Galicia.

“Os nosos bosques autóctonos están a ser substituídos aceleradamente por monocultivos de eucalipto, o cal atenta contra a biodiversidade, a paisaxe e o dereito ambiental español e europeo”, sentenciou responsable socialista, quen denunciou a “falla de protección deste espazo” que é parte da Rede Natura 2000 e ten un “elevado valor ecolóxico, cultural e etnográfico”.

Así, lamentou que este novo episodio, “un de tantos”, prodúcese nun espazo que “en teoría debería gozar do máximo grao de protección” cando ademais “aspira a ser declarado Patrimonio da Humanidade este mesmo ano”, co que “non se entende a política medio ambiental do goberno galego que está a desprotexer o noso patrimonio”.

Neste senso, o responsable socialista preguntou ao goberno galego se autorizou esta tala e esixiulle que tome “medidas urxentes” e “impida as talas indiscriminadas de fragas nos espazos protexidos de Galicia”.

Finalmente, Arangüena censurou que a forma de efectuar a tala “constitúe unha práctica silvícola altamente agresiva que elimina todas as arbores dunha zona producindo a desaparición de flora e fauna ou a perda de chan fértil”.

PUBLICIDADE