O casco histórico conta con tres novas vivendas de promoción económica

A Xunta de Galicia entregou hoxe no casco histórico da cidade de Ourense tres novas vivendas de promoción pública, que foron rehabilitadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e nas que a Administración autonómica investiu preto de medio millón de euros.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, foi o encargado de outorgar aos adxudicatarios as chaves das vivendas, que foron obxecto de cesión gratuíta outorgada polo Concello de Ourense o día 27 de decembro de 2017 e están situadas nos números 3 e 5 da rúa Vilar.

AVANTAR ACTIVIDADES

O primeiro dos inmobles, o número 3, ten unha superficie útil de 89,30 metros cadrados. A súa distribución consta de vestíbulo na planta baixa co seu correspondente rocho, e un lavadoiro-tendedeira. No primeiro andar alberga un distribuidor, un aseo e cociña con salón comedor; e no segundo dispón dun distribuidor, un cuarto de baño e dous dormitorios.

O número 5 da rúa Vilar conforma dúas vivendas: a vivenda A, situada na primeira planta dunha superficie útil de 50,65 metros cadrados, e a vivenda B, que ocupa a segunda planta e baixo cuberta, cunha superficie útil de 98,78 metros cadrados. A vivenda A consta de vestíbulo, cociña, salón-comedor baño e un dormitorio A vivenda B dispón de tres dormitorios e un baño, e o ático dispón dun aseo, salón-estar, cociña e terraza, rocho e lavadoiro-tendedeira.

As dúas vivendas contan con lavadoiro-tendedeira e rocho no planta baixa, e teñen vinculada a súa correspondente praza de garaxe.

O delegado territorial explicou que as persoas beneficiarias xa poden facer uso das vivendas de inmediato e resaltou que esta actuación é unha mostra máis do apoio que mantén o Goberno galego aos cidadáns para facilitar o acceso á vivenda. De feito, a Xunta desenvolve unha serie de medidas de carácter social encamiñadas a atender esta demanda e mantén aberto ao longo de todo o ano a posibilidade de inscribirse no rexistro oficial e único de demandantes de vivenda.

Na actualidade, como explicou a delegado, o IGVS continúa promovendo a adquisición de novos edificios para ampliar o parque público de vivenda. Dende o ano  2009, realizáronse en total 81 actuacións, das que corresponden 21 o Conxunto Histórico de Ourense e 60 ao resto da cidade.

A entrega de vivendas de promoción pública é un proceso continuo que a Xunta de Galicia ten en marcha, segundo se vaian producindo as vacantes. Por iso, as persoas interesadas en optar a algunha destas promocións poden inscribirse no Rexistro único de demandantes de vivenda, accesible tanto a través da sede electrónica como nas oficinas do IGVS. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Programa Rexurbe

Gabriel Alén subliñou, ao mesmo tempo, a aposta que se está a facer desde o Goberno galego, a través do programa Rexurbe, por recuperar o patrimonio arquitectónico construído e darlle vitalidade aos barrios máis emblemáticos das vilas e cidades, propiciando que sexan lugares atractivos para vivir, cheos de xente, de actividade e con futuro. O  Instituto Galego de Vivenda e Solo, ten adquirido diversos inmobles no Conxunto Histórico de Ourense, na rúa Pelayo, Cervantes, Liberdade e Manuel Sueiro, constando nas súas previsións a súa rehabilitación, podendo incrementarse o parque público de vivenda en oito novas vivendas.