O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, louvou hoxe o traballo que a asociación Por Eles leva a cabo na provincia a prol das persoas con autismo. O representante ourensán do Executivo galego, dentro súa rolda de encontros institucionais trala toma de posesión como novo representante da administración autonómica na área territorial, recibiu esta mañá á presidenta da “Asociación Por Eles T.E.A. Ourense”, Eva Guzmán Freijedo.

Gabriel Alén salientou o labor desta organización sen ánimo de lucro, creada en 2018 por nais e pais de nenos e nenas con Trastorno do Espectro Autista (T.E.A.) que buscan atopar un espazo onde se atendan todas as necesidades que poden presentar os seus fillos e fillas na actualidade, e buscar un mellor futuro para todos eles.

Así mesmo, o delegado territorial da Xunta interesouse polos proxectos que esta organización está a desenvolver na provincia e sobre as súas iniciativas de futuro.