O Psdeg-Psoe denuncia que centos de traballadores e traballadoras da Deputación de Ourense acumulan catro meses sen cobrar a suba salarial do 2021

Este “carrusel de atrasos” está a ser causado porque Baltar aprobou en setembro de 2020 “ás presas e sen esta previsión” uns orzamentos para o presente ano “que son unha fábula contable”

O vicevoceiro, Nacho Gómez, reclama “solucións inmediatas” e advirte que “a inoperancia e os caprichos para o autobombo do presidente da Deputación están a provocar trastornos a centos de familias”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE denuncia que os traballadores e traballadoras da Deputación de Ourense, acumulan catro meses sen cobrar nas súas nóminas a suba salarial do 0,9 % que lles corresponde neste 2021, por culpa da “propaganda, o autobombo e a inoperancia” de Manuel Baltar. “O persoal, unha vez máis, está a ser vítima do xogo político dun presidente que usa a institución provincial coma o seu xoguete”, advirten antes de reclamar “solucións inmediatas”.

Este “vergoñento carrusel de atrasos” está a ser causado porque o presidente aprobou en setembro de 2020 “ás presas e sen previsión”, os orzamentos do presente exercicio coa “única intención de publicitar que era o primeiro de España” en aprobalos. O vicevoceiro dos socialistas, Nacho Gómez, denuncia que “isto provocou que a programación económica das contas sexa unha fábula contable que ten que corrixir mes tras mes mediante grandes modificacións de crédito”, a última o pasado marzo por importe de máis de 20 millóns.

Entre esa “falta de previsión” tamén se inclúe a ausencia dotación económica dabondo para pagar as nóminas de acordo coa actualización que establecen os orzamentos xerais do Estado para todo o persoal ao servizo das administracións públicas. “Baltar eméndase a si mesmo e en catro meses xa precisou catro modificacións orzamentarias multimillonarias para arranxar as contas públicas”, destaca o deputado.

Gómez sinala que “os caprichos de autobombo de Baltar están a provocar trastornos nas economías de centos de empregados e empregadas da Deputación”, posto que “moitas familias planifican o seu futuro en base ás nóminas e xa acumulan moitos meses de atrasos e incertezas en medio da pandemia”. “Esiximos a Baltar unha rectificación inmediata e o abono dos atrasos que adeuda”, insiste porque o contrario “é afondar nunha gran irresponsabilidade”.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense reclaman “que o presidente da Deputación Provincial pida desculpas no próximo pleno” polo “dano e os trastornos” causados, así como “maior rigorosidade orzamentaria” no futuro para evitar estas “indesexables circunstancias”. “Os socialistas xa recibimos numerosas queixas de moitos empregados e empregadas que non poden dar a cara públicamente, porque saben das represalias que lles acarrearía”, explica Gómez quen asegura que “co seu pai na presidencia estas cousas non pasarían”.

“Isto é un síntoma máis de mala xestión e da falta de planificación por parte do equipo de goberno de PP que apoia a deputada tránsfuga, Montse Lama”, aseveran os socialistas antes de concluír insistindo en que “Baltar Blanco e os seus palmeiros volven dar claras mostras de que non están á altura das circunstancias nin sequera durante a maior pandemia do último século”, conclúen.