Gabriel Alén aposta pola especialización intelixente do campus auga porque conecta directamente co territorio e cos seus recursos endóxenos

Na entrega dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga

Publicidade
  • O delegado territorial referiuse ao Campus da Auga como unha das maiores apostas pola investigación do Sistema Universitario de Galicia na que a Xunta leva investidos máis de 7M de euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, referiuse ao Campus da Auga como unha das maiores apostas pola investigación do Sistema Universitario de Galicia, da Universidade de Vigo e da propia cidade de Ourense na que a Xunta leva investidos máis de sete millóns de euros, para converterse no motor científico de Ourense, situando á cidade na vangarda europea da investigación e da innovación en torno a este recurso natural.

O delegado territorial así o manifestou esta tarde no acto de entrega dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense para recoñecer o esforzo do persoal docente e investigador e alumnado da Universidade.

O representante do Goberno galego falou da singularidade estratéxica que representa o Campus Auga porque conecta directamente co territorio e cos seus recursos endóxenos; e subliñou que “se queremos medrar e avanzar na excelencia universitaria, temos que apostar firmemente pola colaboración e a especialización intelixente”.

Gabriel Alén sinalou que a especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos ten ao termalismo como punto de referencia, pero tamén contempla nos seus propósitos outros sectores como a industria da alimentación; pluralidade de miras que fai que traslade esas potencialidades ao ámbito académico e científico, converténdoas así en oportunidades de progreso social e económico para a cidade.

O Campus da Auga foi o primeiro campus periférico especializado de Galicia. “Unha aposta –segundo o delegado territorial− pioneira, atrevida e innovadora que agora require dun paso máis: a acreditación do campus baseado na especialización e no fomento da investigación”. Nesta liña, Gabriel Alén animou aos responsables universitarios a presentarse a este proceso impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e pioneiro a nivel estatal, xa que suporá “un salto de calidade non só para o campus, senón que para Ourense cidade e para toda a provincia”.

Tras agradecer á Vicerreitora da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense, a súa presenza no acto, rematou subliñando que “a importancia da auga nunha provincia de auga, que ten postas na auga moitas esperanzas do seu porvir, sexa o meu primeiro acto oficial na Universidade de Vigo como representante do Goberno galego na provincia é unha honra e un privilexio”.