O BNG denuncia un novo desmantelamento no Concello de Ourense, desta volta, a Concellaría de Xuventude

“Unha proba máis do absoluto desprezo e falla de proxecto do actual Goberno Local, que desmantela todo aquilo que non é do seu interese” sinala a concelleira Rhut Reza

 Que o actual Goberno Local non ten proxecto nin de cidade nin de goberno é algo que desde o Grupo Municipal do BNG se ven denunciando desde hai tempo. para a concelleira nacionalista Rhut Reza, “que o actual rexedor e os seus dous concelleiros son incapaces de abarcar todas as competencias que ten o terceiro concello máis grande e importante do país é unha realidade. Pero é que non contentos soamente con non xestionar, agora adícanse a desmantelar departamentos e servizos municipais”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste caso desde o BNG, denuncian o desmantelamento da Concellaría de xuventude, que nos últimos días viu como o seu persoal pasaba de estar formado por tres persoas a ter soamente unha. Os motivos esgrimidos son a falla de carga de traballo, “algo lóxico se desde o Goberno Local non se impulsan iniciativas e proxectos neste ámbito”, sinala Reza.

Segundo Rhut Reza, “a táctica de Jácome é deixar de xestionar e programar nas concellarías que non lle interesan para logo desmantelalas aludindo a que non teñen carga de traballo, unha carga de traballo que debe ser proporcionada polo propio Goberno”.

Desde o BNG lamentan que a mocidade foi a gran esquecida na política do grupo de goberno desde o inicio do mandato, incluso cando o PP formaba parte del. Para os nacionalistas “en ningún momento existiu nin política nin aposta pola mocidade, e as últimas decisións adoptadas así o acreditan”.

No BNG lembran que non houbo ningunha convocatoria de axudas á mocidade, que o espazo Lusquiños continúa pechado, ou que non se programaron actividades centradas neste colectivo máis alá da colaboración co campamento organizado pola Asociación xuvenil Amencer. Outro dos datos destacados é o feito de que dos 121.877,15 euros orzamentados no 2019, quedou sen executar o 79% do mesmo, ou o que é o mesmo, 95.961,14 €.

“Que non poñan a escusa da pandemia pois só hai que mirar para os concellos veciños para ver a cantidade de actividades que tiveron e están a ter, sempre respectando o cumprimento estricto das medidas hixénico-sanitarias derivadas da Covid-19”.

Para Rhut Reza “querer é poder, e se non se acredita na mocidade, que é o futuro, mal ímos”.