Escolares do Carballiño e Cenlle coñecen o Arquivo Histórico Provincial

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense está a achegarlles aos escolares da provincia o patrimonio documental cunha nova edición do programa de obradoiros teatralizados e de escrita medieval desenvolvido nos centros de ensino. Así, nesta semana abriron a iniciativa o CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle, e o Sagrado Corazón do Carballiño, e ao longo do mes farano colexios do Irixo, Oímbra, Xunqueira de Ambía, Allariz e Ourense. O programa, que aínda ten abertas as inscricións, prevé chegar ata final de curso a máis de 800 participantes de arredor de 20 centros educativos.

Publicidade

Cunha duración aproximada dunha hora, os obradoiros teñen como obxectivo promover entre os máis novos a sensibilización e o respecto polo patrimonio documental, e poñelo en relación con outros tipos de patrimonio, como o arquitectónico ou o artístico. Ademais, a actividade de escrita medieval permite coñecer de xeito ameno as diferentes técnicas de escritura, tipos de letra e soportes empregados ao longo da historia. A iniciativa busca tamén potenciar o traballo en equipo, o sentido crítico e a curiosidade, entre outros valores.

Na experiencia teatralizada, o alumnado afonda, da man das personaxes de ficción Xoana a Labandeira e Frei Xan o Farrapeiro, no legado documental franciscano custodiado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e, en xeral, en todo o patrimonio deixado por esta orde na provincia. Tamén se difunde o xeito de vida dos mosteiros

Por outra banda, co obradoiro de escrita medieval, os participantes aprenden os elementos precisos para escribir na Idade Media, os tipos de letras e soportes utilizados. Ademais, teñen a posibilidade de realizar o seu propio documento utilizando unha pluma e tinta elaborada con pigmentos por eles mesmos, tal e como se facía na Idade Media.

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense leva desenvolvendo esta iniciativa desde 2015. No último ano, debido ás restricións derivadas da covid-19, a iniciativa estase a desenvolver tamén en liña. Trátase así de facilitarlles aos colexios a participación no programa e darlle resposta á crecente demanda que se rexistra.