O subdelegado do Goberno recibe ao coronel director e a alumnos da Escola de Tráfico da Garda Civil de Mérida

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, acompañado do tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Rafael López, recibiu esta tarde na Subdelegación do Goberno ao coronel director da Escola de Tráfico da Garda Civil de Mérida, Tomás García Gazapo, e a un grupo dos compoñentes do CLXVII Curso da especialidade de Tráfico na modalidade de Motoristas, que se atopan en Ourense completando a súa formación.

Publicidade

O subdelegado do Goberno aproveitou a ocasión para “agradecer o esforzo e a implicación diaria de todos os axentes da Agrupación de Tráfico que vixían as nosas estradas para garantir a seguridade viaria”. Emilio González destacou que “as mulleres e os homes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil están nas estradas para auxiliarnos, axudarnos e para disuadir a aqueles que non son capaces de cumprir as normas, pero ademais, nos últimos meses veñen desenvolvendo un intenso traballo con motivo das restricións de mobilidade impostas pola pandemia que é preciso agradecer especialmente”.

Durante os días 20 e 21 de abril 77 motocicletas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil percorreron as estradas ourensás, acompañadas de diferentes vehículos de apoio entre os que destacan un camión taller, un autobús ou unha ambulancia de soporte vital básico e un turismo.

Con este adestramento na práctica de condución de motocicletas os alumnos da Escola de Tráfico da Garda Civil percorrerán un total de 1.533 kilómetros. O inicio da marcha tivo lugar na sede de dito centro de formación en Mérida (Badaxoz) e durante tres días percorrerán as provincias de Badaxoz, Cáceres, Salamanca, Zamora, Ourense, Lugo, Pontevedra e A Coruña e regreso.

A finalización de dito curso está prevista en Mérida o próximo 30 de abril, data na que os alumnos recibirán o título que os habilita para solicitar un cambio de destino a Unidades da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.