O BNG demanda á Xunta ampliar os servizos sanitarios no centro de saúde do Pereiro de Aguiar

Iago Tabarés demanda á Xunta de Galiza ampliar os notoriamente escasos servizos sanitarios que precisa a crecente veciñanza do Pereiro de Aguiar, para que o centro de saúde do municipio preste servizos sanitarios de Pediatría, odontoloxía e hixiene buco-dental e matrón/a.

Publicidade

Ourense, 25 de abril de 2021.  Iago Tabarés, deputado do BNG no Parlamento de Galiza, denuncia que a pesares do gasto efectuado e dos múltiples anuncios realizados sobre o novo  centro de saúde do Pereiro de Aguiar, este non supón un incremento da carteira dos servizos sanitarios polo que non mellora a calidade da atención sanitaria da poboación. Para o deputado nacionalista “resulta elocuente da política desenvolvida pola Xunta de Galiza a renovación dunha infraestrutura sanitaria sen que tan importante achega de recursos públicos leve aparellada unha planificación que supoña unha substancial mellora nos  servizos sanitarios que se prestan á veciñanza do Pereiro e que actualmente son notoriamente escasos”.

 Aínda que o novo centro supostamente está dotado de sala para exploración xinecolóxica non está prevista a asistencia de matrón/a”,  indica Tabarés, malia que O Pereiro de Aguiar é un dos concellos da provincia de Ourense no que se producen máis nacementos, só superado nos últimos anos pola propia capital e por Barbadás, O Carballiño, Xinzo, Verín e O Barco de Valdeorras. Tamén sinala o deputado do BNG que non existe previsión para a prestación do servizo de pediatría a pesares de que O Pereiro de Aguiar é un dos concellos de toda a provincia de Ourense que conta cun maior número de menores de 16 anos, sendo unicamente superado polos concellos antes sinalados (Ourense, Barbadás, O Carballiño, Xinzo, Verín e O Barco de Valdeorras).   Así como tampouco está contemplado incrementar a dotación do centro de saúde con atención odontolóxica ou de hixiene buco-dental para a poboación de O Pereiro de Aguiar unha das máis numerosas de toda a provincia de Ourense.

O Pereiro de Aguiar é un dos poucos concellos da provincia de Ourense que ve incrementada a súa poboación, sendo o seu medre só comparábel ao experimentado por Allariz ou Barbadás, polo que resulta evidente a necesidade de incrementar paralelamente a carteira de servizos que se prestan á cada vez máis numerosa poboación. Para Iago Tabarés non é concebible que se publicite e anuncie unha suposta aposta polo rural cando non se esta a dotar ao rural de servizos tan básicos como os sanitarios, exixindo á poboación desprazamentos para a realización de simples trámites e xestións cotiás ou para asistir a unha mera consulta pediátrica ou odontolóxica, sen que, por outra banda, existan facilidades para o uso do transporte público. Unha verdadeira aposta pola vertebración do territorio, sinala o deputado do Bloque, implica dotar a todo o país das infraestruturas básicas en ensino, comunicacións e telecomunicacións e sanidade e servizos sociais, algo que que nin se albisca, nin sequera, é iso é o máis preocupante, semella existir vontade real no Partido Popular de implantar.

E por isto o deputado do Bloque Nacionalista Galego,  Iago Tabarés,  ven de rexistrar  no Parlamento de Galiza a demanda para que  Xunta preste no centro de saúde do Pereiro de Aguiar os servizos sanitarios de pediatría, odontoloxía e hixiene buco – dental e matrón/a.