O Psdeg-Psoe reivindica o “enorme labor” da asociación de familiares de enfermos de alzhéimer de Ourense como centro especializado de referencia a nivel galego

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os socialistas mantiveron un encontro de traballo representantes de AFAOR co fin de coñecer e dar voz ás demandas do único centro especializado na doenza de Alzhéimer da provincia

Defenden o “papel esencial” que desempeñan as organizacións sen ánimo de lucro e esixen ao microgoberno un “cambio de rumbo radical” para colocar a área social no centro da acción política

COMERCIAL ORCELLÓN

 O PSdeG-PSOE de Ourense vén de visitar as novas instalacións da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) onde o voceiro da agrupación municipal, Rafa Villarino, mantivo un encontro de traballo con representantes da entidade, co fin de coñecer e dar voz ás súas demandas.

Os socialistas reivindican o “enorme e insubstituíble labor” que leva a cabo a asociación na atención a persoas afectadas pola doenza de Alzhéimer e aos seus coidadores, a través do desenvolvemento de accións terapéuticas, informativas e formativas executadas por un extenso equipo humano. “Non só se trata do único centro especializado nas demandas particulares das persoas diagnosticadas con este tipo de demencia en toda a provincia, senón que é un referente a nivel galego”, asegurou Villarino, quen engadiu, ademais, que “esta entidade está a xerar emprego cualificado”.

Así as cousas, os socialistas lamentan que dende o goberno municipal non se estean a destinar os recursos económicos necesarios para garantir que entidades como AFAOR poidan seguir realizando o seu traballo “con dignidade” e pídenlle a Jácome un “cambio de rumbo radical” para colocar a área social no centro da acción política.

“As organizacións do terceiro sector vense obrigadas a recorrer á axuda de entidades colaboradoras ou doutras administracións que as amparen porque son ignoradas por parte do Concello”, denuncian dende o grupo municipal.

“Ourense segue a ser a cidade galega cos servizos sociais máis colapsados e coas listas de agarda máis longas”, lamentan dende o grupo municipal socialista, ao tempo que critican que Jácome siga máis preocupado de “infraestruturas megalómanas inviables” que de atender as necesidades das persoas en situación de vulnerabilidade ou emerxencia social.  

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------