O BNG esixe á Xunta menos conivencia cos macroparques eólicos e blindar a protección do Macizo Central e Pena Trevinca

Noa Presas, deputada por Ourense e voceira de Enerxía do BNG valora as declaracións do Vicepresidente Conde respecto da información negativa de tres dos catro macroparques de xestión estatal que afectan Ourense (Alto Cabrera, Rebordechao e Prada) como insuficientes e recórdalle á Xunta que “é parte do problema, primeiro por non predicar co exemplo e ter un Plan Sectorial eólico consensuado que supere o obsoleto de 1997, segundo por non ter aumentado as zonas de espazos protexidos libres de implantación eólica e terceiro por lexislar para que as grandes empresas aforren trámites mentres furtan mecanismos de participación pública para a veciñanza”.

Publicidade

O BNG recorda que a presunta información negativa da Xunta (da que non remitiu a información esixida ao Parlamento) é un pequeno paso pero que aínda é necesario, tal e como pediu o BNG no Parlamento Galego, no Congreso e nas súas alegacións, que o goberno do Estado desbote elaboración do documento de determinación do alcance do estudo de impacto ambiental dos  macroproxectos Rebordechao, Prada, Alto Cabrera e Barxas. Isto debe ser así “pola grave e irreversible afectación sobre a calidade paisaxística, a fraxilidade e a vulnerabilidade ambiental nas fases de construción, explotación e desmantelamento; pola vulneración das directivas e normas europeas, estatais e autonómicas en materia ambiental e determine a súa imposibilidade de continuación por prexudicar os intereses ambientais, económicos e sociais do territorio e das súas comunidades.”

Necesidade de máis contundencia da Xunta co Estado e rectificar a súa propia política eólica

Así mesmo, para o BNG “ten pouca credibilidade a Xunta cando está a ter unha contestación brutal ao longo do territorio aos proxectos da súa xestión, cando non está a defender os intereses galegos e o noso autogoberno ao non pronunciarse nin emprender accións legais ou lexislativas diante dos numerosos parques de máis de 50MW que está a impulsar o Estado tamén no Deza, na Costa da Morte ou en Lugo e que tampouco diga nada do proxecto de Barxas que comparte infraestruturas co de Prada e do que tamén foi consultada”

A nacionalista recorda que “o BNG reclama da Xunta impulsar un consenso eólico para Galiza que poña fin aos problemas derivados da caducidade do Plan Sectorial Eólico de 1997 pois ela mesma está a tramitar parques eólicos en zonas que deberan estar protexidas e que quedaron nun limbo por non ter avanzado na ampliación da Rede Natura e doutras categorías.” Neste sentido “Para o BNG é necesario incrementar a protección de zonas de alto valor natural como o Macizo Central ou Pena Trevinca, ameazadas por múltiples proxectos industriais, e ampliar as zonas de exclusión eólica ao longo de todo o país cun mapa actualizado que ordene o sector, xusto o contrario do que está a facer a Xunta, que xa ten sentenzas demoledoras como a de Sasdónigas ou o Iribio, que acusan á propia administración de incumprir a súa lei e de ter unha óptica “produtivista”.