O programa Carné Xove da Xunta de Galicia suma a adhesión dos establecementos asociados do Ribeiro

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou o acordo coa presidenta da entidade

Unha vintena de negocios achegarán aos beneficiarios do carné ofertas e rebaixas nos produtos e servizos que ofrecen

AVANTAR ACTIVIDADES

O colectivo Establecementos asociados do Ribeiro súmase ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia como entidade colaboradora, asumindo o compromiso de achegar rebaixas e vantaxes nos produtos e servizos nunha vintena de negocios que forman parte deste acordo.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asinou esta semana o acordo coa presidenta do colectivo, Manuela Rodríguez. Deste xeito, os usuarios do Carné xove poderán beneficiarse de descontos en todo tipo de negocios que forman parte desta asociación, tales como autoescolas, perruquerías, zapaterías, tendas de roupa ou estudos de fotografía, entre outros. Toda a información desta colaboración, que contou coa cooperación da Oficina municipal de información xuvenil (OMIX) de Ribadavia, estará dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es.

A finalidade do Carné Xove é facilitar á xente nova de entre 12 e 30 anos, mediante a colaboración dos establecementos adheridos, o acceso a diferentes servizos mediante descontos e vantaxes. Esta iniciativa, que conta con máis de 1.000 establecementos de diferentes eidos, segue a medrar con esta nova adhesión.

A Consellería de Política Social ofrece tamén aos titulares da tarxeta rebaixas de ata un 25% nas cotas da Campaña de Verán (campamentos, intercambios, campos de voluntariado ou actividades).

Novidades do Carné Xove

Antes, a expedición do Carné Xove estaba suxeita ao pagamento dunha taxa de 6 euros e tiña unha vixencia máxima de dous anos. Dentro das novidades que está a implementar a Xunta de Galicia contémplase a expedición gratuíta e unha vixencia permanente, sen necesidade de renovación, ata que o usuario cumpra os 31 anos.

Ademais, a tarxeta enviarase de xeito gratuíto ao domicilio dos mozos e mozas de entre 12 e 30 anos. De todos os xeitos, é preciso recordar que a activación debe facerse de xeito presencial nos servizos provinciais de Xuventude, o Centro Coordinador de Información Xuvenil, os Espazos Xove e as Oficinas de Información Xuvenil dos concellos autorizados.

Así mesmo, está tamén prevista a posta en marcha dunha aplicación móbil do programa que permitirá, entre outras funcionalidades, xeolocalizar os establecementos adheridos e coñecer os descontos que aplican, ademais de acceder ás novas da iniciativa.