O Psdeg-Psoe de Ourense pecha a campaña apelando a mobilización “masiva” da cidadanía para arrebatarlle un escano ao Partido Popular que está en xogo por 500 votos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os e as socialistas incidiron na “imperiosa” necesidade de mobilizarse “masivamente” este domingo co obxectivo de que o país e a provincia “continúen avanzando” en lugar de “retroceder” como pretende Feijóo

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Aproveitaron o acto para animar a toda a cidadanía a acudir as urnas e depositar a papeleta do PSOE, o único partido que na provincia de Ourense “pode evitar que nos arrebaten os dereitos e liberdades”

Ourense, 21 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar o seu acto de peche de campaña, no que os e as socialistas incidiron na “imperiosa” necesidade de mobilizarse “masivamente” este domingo co obxectivo de que o país e a provincia “continúen avanzando” en lugar de “retroceder” como pretende o PP e o seu candidato, Alberto Núñez Feijóo. Aproveitaron o acto para animar a toda a cidadanía a acudir as urnas e depositar a papeleta do PSOE, o único partido que na provincia de Ourense “pode evitar que nos arrebaten os nosos dereitos e liberdades”.

“Estamos a 500 votos de arrebatarlle un escano ao Partido Popular na provincia de Ourense, polo que todos e todas debemos mobilizarnos masivamente o domingo e animar a familiares, amigos e coñecidos a acudir as urnas coa papeleta do PSOE”, proclamaron os candidatos e candidatas socialistas ás Cortes Xerais.

O mitin de peche de campaña tivo lugar nunha praza, a de San Martiño da cidade, totalmente ateigada de cidadáns e cidadás que non quixeron perderse a oportunidade de escoitas as propostas dos e das socialistas. No acto estiveron presentes Abel Caballero, alcalde de Vigo; Valentín González Formoso; secretario xeral do PSdeG; Marga Martín e Noela Blanco, candidatas ao Congreso; Rafa Villarino, candidato ao Senado; así como numerosos cargos do partido, militantes e cidadáns.

O primeiro en tomar a palabra foi o alcalde de Vigo, Abel Caballero, amosou a súa ledicia por poder estar en Ourense participando nun peche de campaña dunhas eleccións que considerou de “vital importancia” e que deciden o “modelo de pais que queremos para os vindeiros anos”. O rexedor da cidade olívica aproveitou para pedir o voto para Pedro Sánchez, “co obxectivo de avanzar e evitar un goberno de Feijóo co que perderemos en investimentos, infraestruturas, dereitos e liberdades”.

Pola súa banda, a candidata ao Congreso dos Deputados, Noela Blanco, fixo fincapé este domingo “temos que escoller entre dous camiños, un no que se constrúe e outro no que se derruba, un no que se gaña en dereitos e outro no que desaparecen, un para vivir con desconfianza e medo e outro con fe nas institucións”. A candidata nº2 dos e das socialistas ourensáns ao Congreso tamén apelou “a xenerosidade de todas aquelas persoas que ou ben nunca votaron o PSOE ou non o fixeron sempre”, xa que tal e como afirmou “somos os únicos que podemos formar un muro de contención contra o PP nesta situación de emerxencia democrática”.

A cabeza de lista polo PSdeG-PSOE de Ourense ao Congreso dos Deputados, Marga Martín, puxo de manifesto que nestas eleccións “decídese co noso voto a dirección que toma España e se camiñamos cara adiante ou damos unha marcha atrás, como xa vimos cos pactos do PP e Vox nos últimos días”. A candidata socialista subliñou en que o domingo “xogámonos avanzar ou retroceder” e neste senso puxo de exemplo que nos últimos anos “nunca houbo tantas oportunidades de traballar como ata agora, nunca as pensións foron tan xustas, nunca crecemos máis que Europa, nunca tivemos a inflación máis baixa, nin o salario mínimo interprofesional máis alto da historia”.

O candidato ao Senado polos socialistas da provincia, Rafa Villarino, afirmou que “da man do PSOE temos un mellor país, unha mellor Ourense”. O cabeza de lista ao Senado tamén puxo de manifesto que “agora temos experiencia e coñecementos para afrontar desastres, e un presidente e un Goberno curtidos en mil batallas”, e apuntou que “estamos cargados de enerxía para loitar coas mellores ferramentas contra as manipulacións, mentiras e maldades das dereitas, que terán tan pouco éxito como aportacións a unha sociedade que quere seguir adiante e que o domingo vai encher as urnas de votos ao PSOE”.

Por último, o encargado de pechar o acto foi Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, quen apelou deu unha especial “relevancia histórica” a estes comicios, polo que anima á cidadanía a “dar unha lección do que significa a democracia a quen non cren nela”, especialmente nunha provincia dixo “atacada polas peores praxes antidemocrática e caciquís do PP de Baltar, que tamén é o PP de Feijóo”. Asegura que os socialistas son os únicos que están en disposición de “arrebatarlle un escano clave para a formación de goberno á dereita nesta provincia”. “Hai que dicilo con respecto aos votantes e ao resto de opcións política, pero sen complexos: votar a Sumar ou ao BNG en Ourense ou Lugo é axudar a que Feijóo sexa presidente e Abascal vicepresidente”, afirmou o dirixente socialista.