O Bng demanda a intermediación da Deputación para evitar a perda de servizos financieros e postos de traballo na provincia.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Bernardo Varela: “Non é entendible que o sector bancario, que temos rescatado por 50 mil millóns, teña incrementado as comisións, pechado sucursais e reducido as horas de atención,”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Bernardo Varela:  “Non podemos permitir que aqueles que rescatamos con fondos de todos e todas deixen de lado á cidadanía”

Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense,  propón que a Deputación medie ante o goberno do Estado, a Xunta así como ante as entidades financeiras para paralizar o peche de oficinas bancarias a redución dos xa mermados servizos financeiros da provincia  e para evitar a destrución de postos de traballo en Ourense.

Varela  demandará que o pleno provincial apoie a proposta nacionalista, para instar a que  o goberno central  desenvolva  as mudanzas oportunas no ámbito da regulación do sector bancario para poñer freo ás consecuencias do aumento da concentración bancaria, do incumprimento das normas de competencia e do agravamento da exclusión financeira, concretamente para dar resposta á escalada de abusos bancarios en materia de restrición de servizos, pacto de horarios para limitar os servizos de caixa, incremento de comisións e reducións drásticas de  oficinas e persoal.

Tamén propón ao pleno do ente provincial instar a Xunta de Galiza a desenvolver as súas competencias exclusivas en materia de consumo impulsando, ao abeiro do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, campañas colectivas de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudos propios sobre a vulneración dos seus dereitos.

 Para o voceiro do grupo nacionalista, a Deputación provincial tamén debe de interceder ante a dirección das propias entidades bancarias para que atendan  ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos postos de traballo e para o mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego

 Non podemos permitir, dí Varela, que aqueles que rescatamos con fondos de todos e todas deixen de lado á cidadanía,  especialmente aos nosos maiores,  aos que lles obrigan a facer xestións por vía dixital cando non se desenvolven neste campo. E engade, que unha vez máis  deixase a ermo  pequenas localidades para facer despois sesudos informes de porque estes concellos se baleiran.

 Coa moción que o BNG presenta ao pleno provincial da Deputación, os nacionalistas  pretenden  por o foco no proceso de concentración e centralización que se está dando no sector bancario, e que nos últimos tempos se está agravando, afirma o voceiro do nacionalista, que sinala ademais como a perda continuada de servizos ten xerado problemas, como longas colas,  en plena pandemia ás entradas das entidades bancarias, ou  obriga aos seus usuarios a acometer longos desprazamentos  para realizar unha simple operación.

Na provincia de Ourense pasouse de 353 oficinas en 2010 a 174 en 2020. E nese ano 2020, 26 dos concellos da provincia de Ourense, o que son un de cada tres, xa non teñen servizos de banca. Ourense capital pasou de 116 oficinas a 63 oficinas, e vilas como o Barco de Valdeorras, pasaron de 14 oficinas a seis oficinas. 

Esta unha situación que se verá agravada cos peches e despidos anunciados polo Santander, o BBVA ou CaixaBank. Todo isto mentres se incrementan os salarios millonarios dos seus dirixentes. Como o Santander, que  ven de anunciarnos un incremento de beneficios ate chegar 2.800 millóns no primeiro trimestre do 2021.