O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén supervisa os traballos iniciais da senda peonil de Reza

Tras o compromiso adquirido o pasado 6 de abril con membros da Asociación de Veciños Quince de Agosto de Reza

Publicidade
  • Gabriel Alén incidiu ante os veciños nas melloras que suporá a nova senda na OU-402, cun investimento autonómico de preto de 1,1 M€
  • O delegado territorial incidiu en que se trata dun proxecto no que o Goberno galego está a actuar en todo momento coa máxima transparencia, escoitando as suxestións e tendo en conta as achegas recibidas
  • O representante do Goberno galego destacou que o obxectivo último da actuación é reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé dos veciños dispoñendo beirarrúas, novas zonas de aparcadoiro e paradas de autobús

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou esta tarde os traballos de medición e estaquillado que se están a realizar para o desenvolvemento da senda peonil de Reza, na estrada OU-402, que suporá un investimento autonómico de preto de 1,1 M€.

Deste xeito, Gabriel Alén cumpre co compromiso adquirido cos representantes da Asociación de Veciños Quince de Agosto de Reza, na reunión mantida o pasado 6 de abril na Delegación Territorial, de visitar o emprazamento da dita senda e comprobar os pequenos axustes realizados ao proxecto inicial para minorar en todo o posible a súa afectación.

O delegado territorial reiteroulle aos veciños que se trata dun proxecto no que o Goberno galego está a actuar en todo momento coa máxima transparencia, escoitando as suxestións e tendo en conta as achegas recibidas.

O representante do Goberno galego explicoulle tamén que o obxectivo último da actuación é reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo beirarrúas onde hoxe non as hai, novas zonas de aparcadoiro e paradas de autobús que faciliten o día a día dos veciños.

As actuacións previstas

O proxecto de execución da senda de Reza ten por obxecto actuar nun tramo de case 2,7 quilómetros de lonxitude na OU-402 que carece de beirarrúas, polo que os peóns circulan actualmente polas beiravías da estrada.

Deste xeito, a execución da senda dotará de maior seguridade os viandantes e favorecerá unha mobilidade máis sustentable. A actuación incorpora as achegas presentadas á proposta inicial, de forma que a nova senda, que se construirá entre os puntos quilométricos 1+090-3+780 da OU-402, terá un uso exclusivamente peonil.

A nova senda executarase pola marxe dereita da estrada, sendo o largo mínimo de 1,80 metros. Deséñase separada do tronco da estrada por diferentes elementos de separación, segundo o tipo de sección adoptada. Estes elementos poden ser: unha gabia revestida de largo 1,20 m ou 1,70 m e con perfil de seguridade; unha parte de vexetación; un bordo de sinalización; ou a combinación dos tres elementos anteriores. Para dar cabida á senda será necesario ampliar a plataforma da estrada, coa execución de 6 muros de sostemento de coieira e 7 muros de formigón armado coa mesma función.

As actuación previstas inclúen a execución de zonas de aparcadoiro ao longo do seu trazado e paradas de autobús cos seus refuxios correspondentes, tanto na marxe dereita como na esquerda da estrada.

Ademais, modificarase o deseño do pavimento e da sección transversal da senda nos primeiros 30 metros do trazado, seguindo as indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A Xunta trasladoulle hoxe aos veciños de Reza que traballará para limitar en todo o posible as afeccións da execución da senda peonil na estrada autonómica OU-402 ao seu paso por esta zona, no concello de Ourense.