Un informe de secretaría e intervención do concello de Castrelo de Miño recoñece unha débeda de 733.654 euros

  • Así o anunciou esta mañá o alcalde de Castrelo de Miño tras solicitar un informe de Secretaría e Intervención do concello que fará chegar a todos os veciños para dar cumprimento ao seu compromiso de transparencia
  • Avelino Pazos recoñece que se trata dunha débeda enorme tendo en conta que cada ano este concello baralla un presuposto que ronda 1,5 millóns de euros para a xestión dun municipio de 1.340 habitantes
  • O alcalde non entende que, cando no ano 2007 entrou a gobernar o BNG atopáronse con un concello de 2008 habitantes e totalmente saneado, con un superávit de case medio millón de euros nas contas, e 13 anos despois Castrelo de Miño está endebedado en mais de 700.000 euros e con 1.340 habitantes no censo

O alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, anunciou esta mañá que nos próximos días remitirá a cada veciño o estado das contas tal e como figuran no informe de Secretaría e Intervención, que ascenden a 733.654,47 euros. “É unha débeda tremenda”, afirma o rexedor, tendo en conta que cada ano este Concello baralla un presuposto que ronda 1,5 millóns de euros para a xestión dun municipio de 1.340 habitantes.

Publicidade

Con este anuncio, o alcalde cumpre co seu compromiso de transparencia de informar a todos da situación económica do concello de Castrelo de Miño, unha vez que el asumira a alcaldía. Deste xeito,  afirma que cando se fixo cargo do goberno local había una liquidez nas contas bancarias de 74.199 euros, destacando que 42.790,56 euros xa estaban reservados para pagar as nóminas do mes de agosto de 2020.

En canto a situación financeira -continuou explicando Avelino Pazos- están abertas dúas operacións de crédito, unha delas solicitada o 23 de maio de 2012 por un importe de 394.429 euros a pagar en 10 anos e da que na actualidade se deben 338.082 euros. “Ata agora só se pagaron intereses pero non se amortizaba o préstamo”, puntualiza. Esta operación suporá un desembolso anual cada mes de maio durante os próximos seis anos de 56.347 euros mais 3.746 euros de intereses.

O segundo crédito foi solicitado polo Concello o 29 de marzo de 2017 por un montante de 377.576 euros, que vence en 2026 e que, segundo afirma o alcalde a día 11 do pasado mes de agosto o capital pendente de amortizar era de 279.686 euros, o que supón pagos anuais de 41.952 euros.

A débeda financeira suma así 617.768,90 euros, á que o rexedor engade facturas de provedores de 2.419 euros, pendentes de recoñecemento; 44.117 recoñecidas e outras por un montante de 69.348 euros que entraron no Concello despois do 11 de agosto, cuxos gastos se fixeron con anterioridade a esa data. “Vou remitir aos veciños o informe para que saiban a débeda que había cando asumimos a alcaldía o 11 de agosto de 2020”, e conclúe referíndose aos anteriores gobernos locais que “non entendemos a que se destinaron porque non se fixeron grandes obras. Se non fora polo apoio e colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta sería imposible facer o que estamos facendo”.

Avelino Pazos, que xa sospeitaba da situación económica do concello, non atopa explicación razoable a esta desfeita. Cando no ano 2007 entrou a gobernar o BNG en Castrelo de Miño, atopáronse con un concello de 2008 habitantes e totalmente saneado, con un superávit de case medio millón de euros nas contas, 13 anos despois a situación é a que segue: un concello endebedado en mais de 700.000 euros e con 1.380 habitantes no censo.