A Deputación de Ourense colabora cun documental sobre a tradición dos pobos da Raia

Manuel Baltar afirma que Ourense, “que conta coa maior extensión de fronteira entre España e Portugal, ten unha riqueza etnográfica, cultural e histórica que merece ser difundida, e este traballo amosa aspectos destacados da singularidade e identidade do noso pobo” 

Publicidade

 A Deputación de Ourense colabora co proxecto audiovisual titulado “7 días na Raia”, un documental de Nós TV realizado a modo de road movie no que se abordan os vínculos lingüísticos, culturais, sociais e históricos entre os territorios e xentes de un e outro lado da fronteira entre Galicia e Portugal, con parada en numerosos puntos da provincia de Ourense como son Moimenta, Portocamba, Feces de Abaixo e Mandín, Santiago de Rubiás, Terrachán, Olelas ou Aceredo.  

“Ourense, que conta coa maior extensión de fronteira entre España e Portugal, ten unha riqueza etnográfica, cultural e histórica que merece ser difundida, e este traballo documental amosa algúns dos aspectos máis destacados da singularidade e identidade do noso pobo”, afirma Manuel Baltar. 

O documental que se estrea hoxe sábado emitirase polas canles de Nós TV, no 119 de R, e tamén se publicitará a través das redes sociais na web nostelevision.gal, no youtube, facebook, twitter e instagram. 

Os vínculos lingüísticos, históricos, sociais e culturais dos lugares e persoas que viven a un e outro lado da fronteira entre Galicia e Portugal son evidentes e marcan o desenvolvemento deste traballo audiovisual. Segundo os autores, comprobámolo percorrendo en coche e gravando durante sete días toda a zona. A través da viaxe coñecemos os nexos entre as dúas realidades e o resultado foi un documental en forma de road trip que vai parando en numerosas localidades, de oriente a occidente, para falar con diferentes persoas de cada unha delas e poñer en valor os costumes e a riqueza patrimonial e cultural propia desta área, sinala a produtora. 

O documental, realizado por Xarda Cooperativa Galega para Nós Televisión, conta co apoio da Deputación de Ourense, a Eurocidade Chaves-Verín, os concellos de Hermisende, Entrimo, Tomiño, Tui e a Cámara Municipal de Montalegre. 

A Deputación de Ourense, nesta liña estratéxica de apoio á nosa identidade cultural asinou en marzo pasado co secretario xeral da Associaçao Impulsora da Casa da Lusofonía, Xosé Carlos Morell, un convenio de colaboración que permitirá instalar en Ourense a “Casa da Lusofonía”, dentro da rede de instalacións destas características que posúe o Ministerio de Asuntos Exteriores e a Unión Europea. Baltar cualificouno de “gran acordo a prol do noso, tendo en conta a fonda vinculación de Ourense co mundo da lusofonía e, por suposto, a lingua galega, o maior tesouro de Galicia, como sinala o noso Estatuto de Autonomía”. 

Enlaces sobre o documental “7 días na Raia”: 

https://www.facebook.com/NosTelevision/posts/3729557800488509

https://www.instagram.com/tv/CPaoOReDFOD/?utm_source=ig_web_copy_link