A permanencia da UPO dentro da Federación española de Universidades Populares chegará ao pleno do vindeiro venres nunha moción do BNG

Publicidade ASPADISI

Desde a formación nacionalista reclamarán do Pleno da Corporación paralizar a baixa promovida pola actual Goberno Local, quen soteradamente segue dando pasos adiante para desfacerse da súa xestión

No Pleno anterior, e como consecuencia dunha moción rexistrada tamén polo BNG, a maioría da corporación votou favorablemente os puntos de acordo recollidos na mesma e nos que se instaba ao actual Goberno Local a desistir das súas pretensións de desfacerse da xestión da Universidade Popular e a iniciar, de xeito inmediato, o prazo para a selección de proxectos do curso 2022.

HIPER MASIDE

Desta volta e de cara ao pleno previsto para o vindeiro venres día 04 de xuño, os nacionalistas advirten de que ante a situación provocada, e os últimos movementos promovidos polo Alcalde, “o alumnado, profesorado, veciñanza, persoeiros da cultura, da educación e mesmo o resto de grupos da corporación, vémonos na necesidade de erguer a voz para denunciar e solicitar a paralización do procedemento de baixa na Federación Española de Universidades Populares”, como ben sinala a concelleira Rhut Reza.

Para o BNG e tal e como sinalan na propia moción, “a perda de iconas culturais en Ourense é insostíbel, música, teatro, exposicións, danza e todo tipo de actos culturais e conmemorativos xa non se celebran, xa non hai programación nin espazos en funcionamento, nin eventos que fagan desta cidade un lugar óptimo e axeitado para vivir e sentir a cultura”. A todo o anterior hai que engadir, segundo Rhut Reza, “a actitude de menosprezo, burla, prepotencia, falta de respecto e insolencia por parte do actual rexedor”.

Desde o BNG solicitarán o apoio do resto de grupos para instar ao Goberno Local a paralizar o proceso de baixa e polo tanto a manter ao Concello de Ourense e a súa Universidade Popular, dentro da Federación Española de Universidades Populares.

Igualmente pediranlle ao actual executivo presidido por Jácome que programe a convocatoria de matrícula dos cursos de formación para o vindeiro curso, coa mesma validez curricular que ate o de agora.