Ourense: berce e pulo da Casa da Lusofonía

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destaca en declaracións a Nós TV -nunha reportaxe que analiza a lusofonía desde os puntos de vista histórico, cultural e político- que o feito de que Ourense vaia acoller a sede mundial da Casa da Lusofonía “situará á nosa provincia como referente da cultura lusófona no mundo, coa lingua, a historia e a identidade como canles de unión de xentes e territorios”, expresa. 

Precisamente Baltar, impulsor desta iniciativa, asinou hai semanas co secretario xeral da Associaçao Impulsora da Casa da Lusofonía, Xosé Carlos Morell, un convenio de colaboración que permitirá instalar en Ourense a sede da Casa da Lusofonía, dentro da rede de instalacións destas características que posúe o Ministerio de Asuntos Exteriores e a Unión Europea. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente do goberno provincial destaca que esa relación, “a nivel lingüístico, cultural, identitario, social e económico que teñen organizacións tan potentes como as de países con lingua portuguesa, fai que este proxecto transcenda fronteiras e sexa aglutinador de culturas e sociedades”, e destaca o papel que desenvolve a Associação Impulsora da Casa da Lusofonía. 

A Casa da Lusofonía pretende artellarse tendo en conta precedentes como a Casa de América en Madrid -1992-, a Casa Asia en Barcelona -2001-, a Casa África en As Palmas -2006- ou a Casa Árabe en Córdoba -2006-. Baltar recoñece o traballo feito pola Associação e quere que a Deputación de Ourense fortaleza esta iniciativa, que deberá contar con adhesións e procedementos tanto nacionais como internacionais para a súa materialización. A proposta de creación da Casa da Lusofonía en Ourense fala de cooperación, de identidade e de estratexia xeopolítica, un escenario onde cobra especial relevancia a CPLP (Comunidade dos Países de Língua Portuguesa), creada en 1996.  

Na reportaxe de Nós TV destácase que a Lei “Paz Andrade” foi o primeiro gran paso a nivel institucional e social para chegar a Galicia á comunidade lusófona internacional. Sete anos despois, a Deputación de Ourense xunto coa Associação impulsan unha candidatura para que Ourense acolla a sede da Casa da Lusofonía.   

“É unha aspiración, como galego, absolutamente leal coa historia e leal coa lingua propia de Galicia”, afirma Manuel Baltar, salientando a lusofonía prevé ter en 2050 uns 300 millóns de lusofalantes en todo o mundo; ser a lingua máis falada do hemisferio sur, e en termos económicos sería la sexta economía mundial. Non é unha cuestión só de ámbito persoal senón mesmo de atracción de capital, de internacionalización, e Ourense, que é a provincia que ten máis quilómetros de fronteira con Portugal, é o lugar axeitado para acoller a sede”. 

“Estamos a falar dun consorcio público interadministrativo, do que formarían parte a Unión Europea, o Goberno da nación, o goberno autonómico e a Deputación de Ourense, acompañados da sociedade civil, onde tería un papel relevante a Associação”, comenta Manuel Baltar. 

A Casa da Lusofonía permitiría afondar no coñecemento entre os pobos que conforman a lusofonía é Galicia e aproveitar mellor as oportunidades que ofrece un mundo lusófono. Un aspecto sobre o que Baltar sinala que a lingua “é comunicación, avance, negocios, superar controversias, e desde a Deputación de Ourense achegamos a experiencia de traballo en rede no ámbito de Galicia-Norte de Portugal; vimos de integrarnos no Eixo Atlántico, presidimos o Foro Termal, e en Europa, este tipo de iniciativas son moi ben aceptadas, como na rede termal europea, que presido, integrada por 51 sitios termais de 18 nacións”. 

O presidente do goberno provincial considera que o efecto aglutinador da Casa da Lusofonía “suporá un pulo para os nosos territorios, unidos non só xeográficamente senón tendo en conta que a lusofonía está na alma de Galicia, e esta andaina estará marcada pola unanimidade e polo consenso”, afirma Baltar.