A reunión entre Rueda e Jácome evidencia para o BNG “que Ourense é moeda de cambio”

A reunión mantida esta mesma mañá entre o Presidente da Xunta de Galiza Alfonso Rueda e o Alcalde do Concello de Ourense Gonzalo Pérez Jácome evidencia para o Grupo municipal do BNG no Concello “que Ourense é moeda de cambio”.

Segundo o Portavoz nacionalista Luís Seara, “na xuntanza desta mañá o Presidente Rueda veu a validar, unha vez máis, caprichos persoais de Jácome como son o parque acuático ou a de plantar 10.000 árbores, sendo o Alcalde arboricida por excelencia, pero que desde logo non responden ás necesidades reais da cidade”, e engade, “hoxe evidenciouse que máis alá de proxectos inconexos entre si e que mesmo xa terían que estar executados, non hai nada”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o BNG, resulta sorprendente que na reunión desta mañá non se abordara ningunha cuestión relativa ao desenvolvemento termal “sendo Ourense a capital termal de Galiza”. Luís Seara aféalle ao Alcalde que “a única proposta que lle trasladou o Concello á Xunta é a de converter o solar que agora ocupa o edificio do centro de interpretación dos parques naturais nun aparcadoiro e non a necesidade urxente de modificar a Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza, Lei tremendamente lesiva ao noso modelo termal”.

No ámbito sanitario, o BNG critica que por parte do actual Rexedor non se lle trasladase a necesidade de dar cumprimento a dúas demandas históricas como son “a construción do Centro de Saúde no barrio do Vinteún e a construción dun novo no barrio da Cuña o que demostra a desconexión que ten coa realidade e as necesidades da cidade”.

Luís Seara fai referencia tamén ao feito de que sendo a Xunta e o Concello partes integrantes do convenio asinado co ADIF para a integración do AVE e a construción da nova estación intermodal, “non se fixese fronte común entre ambas administracións para forzar a convocatoria da comisión de seguimento e abordar as eivas que ten o proxecto que ven de ser licitado novamente por parte do Estado como son o traslado das mercadorías ao Polígono de san Cibrao e o movemento da praia de vías cara a rúa río Arnoia”.

No que atinxe ao soterramento da Avda. Otero Pedrayo, desde o Grupo municipal do BNG lembran que esta cuestión xa foi abordada por eles no anterior mandato, resultando agora rechamante que “a Xunta estea disposta agora a executar un proxecto que rexeitou non seu día e substituiu por dúas rotondas e un investimento de preto de 2 millóns de euros”.

Os Novos accesos ao CHOU, ou a nova sede administrativa da Xunta son outros dos asuntos que, a ollos do BNG, “deberan estar na axenda da reunión pois cómpre definir o antes posible xa que teñen un importante impacto desde o punto de vista tanto da mobilidade como urbanístico”.

O Portavoz municipal entende que a reunión desta mañá “evidencia que nin Rueda nin Jácome teñen o máis mínimo interese en abordar aquelas cuestións que verdadeiramente son relevantes para Ourense, parece que o que hai entre eles é un pacto de non agresión, quedando claro o que o BNG ven mantendo desde hai tempo que DO e o PP son as dúas caras dunha mesma moeda”.

Seara conclúe afirmando que coa reunión de hoxe “Jácome amosa estar totalmente desconectado da realidade do Concello e de cales son as verdadeiras necesidades pois que os temas fulcrais para manter un encontro co Presidente da Xunta sexan un parque acuático e axuda para plantar 10.000 árbores demostra a súa escaseza de altura de miras”.