O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, visitou esta mañá a contorna da capela de San Miguel en Vilaza trala adxudicación das obras da súa humanización e mellora pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por un importe de case 75.000 euros.

Cun prazo de execución previsto de tres meses, os traballos centraranse nas rúas colindantes coa Capela de San Miguel, afectando as rúas: Capela, Cova e Rúa Santa María. Ademais actuarase dende a entrada da Rúa da Cova ata a capela.

Os traballos para acometer consistirán na demolición do firme existente e construción doutro novo co obxectivo de humanizar o entorno da Capela de San Miguel. O criterio principal no deseño da pavimentación é o de implantar unha solución similar á última que se adoptou na zona Norte do núcleo de Vilaza, próxima á igrexa parroquial, servindo de referencia ás novas pavimentacións que se acometan co fin de evitar o repertorio de solucións existentes e dar unha unidade a este núcleo con casuísticas semellantes. Os materiais serán acordes cos tradicionais da zona.

Tamén se realizará unha pre-instalación de soterrado de liñas, de forma que se deixarán previstas tanto as canalizacións de pvc como as correspondentes arquetas de rexistro para o futuro soterrado das redes de alumeado e baixa tensión.

En definitiva, a intervención sobre a contorna da capela de San Miguel xustifícase co fin de dotar ao núcleo de Vilaza dun equipamento de infraestruturas mínimo e acorde ás necesidades da veciñanza, para mellorar a súa calidade de vida e benestar á vez que se fomenta a conservación.

Fai falta lembrar que na última década e só con cargo ao devandito plan, a Consellería executou ou comprometeu un total de 317 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, actuacións que supoñerán a mobilización de 148,96 millóns de euros.

Esta liña de colaboración ten continuidade tamén en 2021, un ano no que os orzamentos do departamento autonómico reservan máis de 7,4 millóns de euros a obras destinadas a crear ou mellorar equipamentos municipais, así como á humanización das contornas urbanas. De feito, a Xunta xa deu a coñecer a relación dos 39 concellos —14 da provincia de Ourense— que resultaron beneficiarios da orde de axudas convocada para financiar equipamentos municipais en localidades de menos de 20.000 habitantes.