O subdelegado do Goberno en Ourense mantén un encontro institucional co alcalde de Maceda

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo esta mañá un encontro institucional co alcalde de Maceda, Rubén Quintas, no que abordaron diversos temas de interese para o municipio.

Na reunión, o subdelegado do Goberno e o alcalde analizaron o proxecto de mellora do saneamento e da estación depuradora de augas residuais (EDAR) do concello que levará a cabo a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

AVANTAR ACTIVIDADES

O investimento total necesario estímase en 2.220.000 €, dos que o Concello aportará 200.000 € e a CH Miño-Sil os 2.020.000 € restantes, cantidade que será cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), que contribúe á conservación do Medio Ambiente e do Patrimonio Cultural.

As obras para mellorar a EDAR permitirán dar solución ás deficiencias no sistema que producen alivios recorrentes a través das tapas dos pozos de rexistro, ademais de infiltracións e acometidas de auga non residual que levan ao límite a capacidade do colector interceptor.

No encontro, tamén examinaron o desenvolvemento do Programa de Extensión da Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA), coa implicación do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, cuxo obxectivo é estender o despregue das redes de banda ancha de moi alta velocidade nas zonas rurais.

Emilio González sinalou que a convocatoria de 2019 contempla a instalación da banda ancha de nova xeración en 39 entidades de poboación no concello de Maceda. Actualmente, a porcentaxe da extensión realizada é do 87% sobre o proxectado, debendo cumprimentarse a porcentaxe restante antes do 31 de decembro de 2021.

O subdelegado do Goberno sinalou que na provincia de Ourense, unha vez rematados os traballos adxudicados e en execución das diferentes convocatorias do programa de extensión de banda ancha, estímase que a cobertura a 100 Mbps alcance ao 78% da poboación.

Neste sentido, Emilio González destacou que o Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais da sociedade, a economía e os territorios, presentado polo Goberno central o pasado 1 de decembro, “permitirá estender a banda ancha ás zonas rurais máis dispersas, contribuíndo a pechar a fenda dixital territorial e a construír unha sociedade e economía máis inclusiva e sustentable”.

SEGURIDADE CIDADÁ E VIOLENCIA DE XÉNERO

Durante o encontro, o subdelegado do Goberno e o alcalde avaliaron os datos de seguridade cidadá no municipio. Emilio González sinalou que Maceda destaca por ser un concello cuns índices de criminalidade moi baixos con respecto a municipios do mesmo tamaño.

No tocante aos datos de violencia de xénero, actualmente no concello de Maceda hai cinco casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén), dos cales un presenta risco baixo e catro risco non apreciado. Un dos casos conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e outros dous contan con medidas de prohibición de aproximación e comunicación.

Por último, na reunión acordouse iniciar os trámites para constituír unha Xunta Local de Seguridade no concello que permita facilitar a coordinación e cooperación das administracións públicas en materia de seguridade. Así mesmo, dende o Concello manifestouse a disposición para estudar a adhesión ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén), da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior.