Pablo A. Guillén: “Carballiño 14.000 + 13.000″

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.

Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

AVANTAR ACTIVIDADES
Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade  Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Consultor  medioambiental especialista en ecoloxía aplicada e en servizos  ecosistémicos.

Hai uns días puiden ler unha noticia no xornal na que se dicía que Carballiño aumentaba a súa poboación, durante os meses de xullo e agosto, en 13.000 habitantes, é dicir, que practicamente se duplica. O cálculo deste extraordinario incremento baseábase en que o consumo mensual de auga aumenta nuns 65.000 m3 (La Región 18.07.2023).

Non cabe dúbida de que este tradicional crecemento da poboación estacional débese tanto aos importantes valores naturais do noso municipio como á variada e completa oferta de restauración e de lecer que ofrece aos visitantes. Pero cando se produce este fenómeno tamén dá lugar a que os habituais problemas ambientais adquiran unha maior relevancia, especialmente no que se refire á afección ao medio hídrico, aos residuos ou o confort ambiental da propia cidadanía.

No caso do abastecemento de auga, como xa vimos o verán pasado, no que se produciu unha forte seca, estivemos a piques de sufrir molestas restricións no consumo. É por iso, que tanto residentes como hostaleiros deben de ter presente que o cambio climático pon de manifesto cada día a importancia do recurso auga como ben escaso e non renovable, polo que han de extremar o seu aforro.

Así mesmo, tamén convén lembrar que cando se incrementa o consumo de auga auméntase tamén a vertedura de augas residuais.

No que se refire á calidade das verteduras, non se debe esquecer que os fogares e a hostalería constitúen unha fonte inesgotable de contaminación incontrolada sobre a rede de saneamento. Incontrolada e en continuo crecemento cualitativo e cuantitativo. Dito doutra forma, un dos principais axentes contaminantes da auga somos os propios cidadáns.

Por iso, é importante que cidadanía e hostaleiros tomen conciencia sobre o que verten á rede de saneamento, porque cando están a realizar unha vertedura están a contaminar unha auga que posteriormente, máis abaixo, serve para beber ou vai parar ao mar. Non esquezan que CARBALLIÑO TAMÉN TEN MAR, porque o mar comeza no punto que se sinala na figura adxunta.

En canto ao tema dos residuos, dado que o tratei de forma xenérica recentemente aquí en BADAL NOVAS, nesta ocasión centrareime nos produtores e na súa relación co espazo público. Nesta época do ano na que o consumo aumenta e por tanto tamén o fai a produción de residuos, tanto nos fogares como fóra da casa, é esencial lembrar que o mellor residuo é o que non se produce. Unha vez que se xerou o residuo, o máis importante é facer unha correcta separación (vidro, plásticos, papel e o resto) e depositalo no contedor que lle corresponde a cada fracción.

Sobre a relación dos produtores de residuos co espazo público, por unha banda, hai que poñer de relevo a transcendencia do bo comportamento da ciudadanía en xeral e, por outra banda, o dos hostaleiros.

A actividade de hostalería desenvólvese, en boa medida, utilizando amplas superficies do espazo público que deberían estar xestionadas correctamente. Os usuarios deben lembrar que o público non é que non sexa de ninguén é que é de todos, polo que extremar o comportamento cívico é fundamental para a desfrutar dunha boa convivencia veciñal.

Por idéntico motivo, os titulares das terrazas deben garantir a súa salubridade e limpeza levantando o mobiliario todas as noites, varrendo polo menos unha vez ao día os espazos ocupados, procedendo periodicamente á súa limpeza con auga, de forma que proporcione aspecto de pulcritude, frescura e convide ao seu desfrute, e utilizando, en caso necesario, os produtos sanitarios que consideren adecuados para garantir a salubridade do espazo público (cheiros, insectos, etc.).

Especial consideración merece o estado no que quedan as rúas nas que se sitúan os denominados “bares de copas”, as mañás das fins de semana (abandono de vasos e botellas no exterior dos locais, orín na vía pública,…).  Nestes casos, cabe lembrar a prohibición de sacar bebidas á rúa, a responsabilidade dos donos dos locais para que isto non se produza e a obrigación das autoridades municipais para que se cumpra.

Por outra banda, a concentración de terrazas e o incumprimento dalgúns establecementos hostaleiros da normativa vixente tamén ten xerado queixas e protestas veciñais polas molestias que provocan (de mobilidade peonil, barullo, …). En primeiro lugar, non se debe perder de vista que, por riba de calquera outra consideración, é prioritario respectar o dereito dos peóns para poder camiñar polas beirarrúas e pola servidume de paso dos soportais de maneira comoda e segura, polo que deben estar sempre libres de mobiliario de calquera tipo.

En segundo lugar, débese sinalar que as actividades desenvolvidas ao aire libre non teñen máis protección acústica que a que poidan ter as vivendas afectadas. E non hai que esquecer que se trata dunha actividade económica de carácter privado, como é a da hostalería, que se exerce nun espazo público, e que os titulares dos establecementos que utilizan a vía pública deben ser os responsables das molestias ocasionadas polas persoas que ocupan as mesas situadas no exterior.

Neste sentido, tamén cabe lembrar que as terrazas ou os veladores ao aire libre están sometidos á obrigación xenérica de evitar os efectos negativos e as molestias na contorna e as autoridades municipais deben intervir para garantilo.

Asimesmo, as molestias causadas pola música dos locais de lecer nocturno e polo ruido que xeran os clientes fora dos establecementos constitúen unha denuncia habitual dos veciños. Con demasiada frecuencia faise patente que o dereito ao descanso dos veciños entra en colisión co exercicio das actividades da hostalería, e especialmente coas do lecer nocturno, polo que o concello debe asegurarse de que se cumpren as condicións para as que se outorgou a licenza.

Para rematar, a modo de recordatorio, un breve resumo do anteriormente exposto:

MEDIA DUCIA DE RECOMENDACIÓNS AMBIENTAIS PARA A CONVIVENCIA NO VERÁN
  ABASTECEMENTO DE AUGA. A auga é un ben escaso e non renovable, escaseza que se ve acentuada polo cambio climático, polo que debemos extremar o seu aforro.  
  SANEAMENTO. E importante que cidadanía e hostaleiros tomen conciencia sobre o que verten á rede de saneamento, porque cando están a realizar unha vertedura están a contaminar unha auga que, máis abaixo, serve para beber ou vai parar ao mar.  
  XESTIÓN DE RESIDUOS. O mellor residuo é o que non se produce. Unha vez que se xerou, o máis importante é facer unha correcta separación (vidro, plásticos, papel e o resto) e depositalo no contedor que lle corresponde a cada fracción.  
  LIMPEZA PÚBLICA. Os titulares das terrazas deben garantir a súa salubridade e limpeza e os veciños extremar o comportamento cívico, porque o espazo público non é que non sexa de ninguén é que é de todos.  
  CONFORT AMBIENTAL. Os establecementos de lecer nocturno e os bares que teñen terraza, con demasiada frecuencia entran en colisión co dereito ao descanso dos veciños, polo que o concello debe asegurarse de que se cumpren as condicións para as que outorgou a licenza. Non esquezan que utilizan un espazo público para exercer unha actividade económica de carácter privado.   
  MOBILIDADE. Para garantir a mobilidade dos peóns, por riba de calquera outra consideración, é prioritario respectar o seu dereito para poder camiñar polas beirarrúas e pola servidume de paso dos soportais de maneira comoda e segura, polo que estes deben estar sempre libres de calquera tipo de mobiliario.  



Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Pablo A. Guillén: “A obrigación de pagar pola xestión do lixo ”

Pablo A. Guillén: “Unha ferramenta para artellar acordos”

A “Parada de Autobús Intermodal”

O plan especial de seca: un plan moi especial

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VIII): “planificación urbanística e ordenación territorial”

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VII): “mobilidade segura e confortable”

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (VI): avanzar na aplicación dos principios da economía circular

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (V): As infraestruturas verdes.

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (IV): A auga, ese ben escaso e moi valioso

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (III): Sen contaminación lumínica nin electromagnética

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (II): Gozar dunha atmósfera saudable

Breves escritos coas eleccións municipais de fondo (I): Gozar de confort sonoro

Otras consideraciones medioambientales para la ampliación del Polígono Industrial

Las alternativas para la ampliación del polígono industrial

La ampliación del polígono industrial en información pública

Ahorro de energía en el alumbrado público

Ahorro energético en comunidades de vecinos

Sequía y agua de boca

El protocolo de colaboración para el nuevo Centro de Salud

Chega o contedor de lixo de cor castaño ás nosas rúas

Un Centro de Salud amigable en un Carballiño saludable

Carballiño: Puerto seco de Galicia

Las claves medioambientales y sociales para la ampliación del Polígono Industrial

La ampliación del Polígono y el Paisaje

La ampliación del Polígono y el ciclo hídrico

La ampliación del polígono y el patrimonio natural

Consideraciones sobre el agotamiento de suelo empresarial

El poligono industrial de Maside

Síntese do modelo urbano “Carballiño Saudable 2030”

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (3) Reordenar a configuración do tránsito motorizado

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (4) Coser o tecido urbano norte sur (I)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (5) Coser o tecido urbano norte sur (II)

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (6) Gañar funcionalidade na “Avenida”.

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (7) Achegar o parque ao centro urbano