O Psdeg-Psoe de Ourense mantén un encontro coa coral de Ruada como parte da súa rolda de contactos para protexer as entidades culturais senlleiras da cidade

Os socialistas defenden a necesidade de manter vivo o escaso tecido cultural da cidade e “protexer as organizacións centenarias da política culturicida do alcalde”

Amosáronlle o seu apoio á coral e comprometéronse a darlle voz ás súas reivindicacións, en liña cos compromisos adquiridos no seu programa electoral

O PSdeG-PSOE vén de manter un encontro co presidente da Coral de Ruada, Samuel Lago, e co seu vicepresidente, Emilio Rodríguez, como parte da súa rolda de contactos coas entidades culturais senlleiras da cidade, co obxectivo de “protexer as organizacións centenarias e mantelas a salvo da política culturicida do alcalde”.

Publicidade Premer na Imaxe

“A Coral de Ruada é das máis lonxevas de Galicia, ademais de constituír un auténtico símbolo e unha sinal de identidade da nosa cidade, polo que debemos protexela para que siga viva e actuando entre nós” manifestou o voceiro socialista, Rafa Villarino, ao tempo que louvou os valores de galeguidade e universalidade inherentes á filosofía dos coralistas, os únicos que contan cun repertorio propio en galego.

Neste sentido, Villarino salientou que organizacións como a Coral de Ruada son “o legado dunha cidade que noutra hora chegou a ser a Atenas de Galicia e que hoxe en día está reducida a cascotes”, para a continuación apuntar que “o futuro en Ourense pasa necesariamente pola posta en valor da nosa riqueza cultural”.

Así as cousas, os socialistas amosáronlle o seu apoio á coral, e comprometéronse a darlle voz ás súas demandas e reivindicacións, en liña cos compromisos adquiridos no seu programa electoral.

O encontro do grupo socialista municipal coa coral de Ruada prodúcese despois de sendas xuntanzas con outros colectivos que forman parte do acervo cultural de Ourense, como son o Liceo, o Ateneo, Queixumes dos Pinos, o Cineclube Padre Feijoo, a FECOGA ou a Fundación Quesada.

Os socialistas adiantan que continuarán reuníndose con diferentes axentes culturais para “unir forzas a prol da protección da riqueza cultural da cidade”.