A Deputación edita un libro que analiza a orixe comercial de Ourense na época medieval

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

 O vicepresidente da Deputación de Ourense César Fernández e o filólogo e teólogo Alberto Pascual Carballo presentaron hoxe no Pazo Provincial a obra Ordenación medieval do mercado auriense, un amplo estudo editado pola Deputación de Ourense no que Alberto Pascual aborda a orixe comercial da cidade de Ourense a través do análise xurídico, histórico, social e urbano, e das circunstancias que no século XI fixeron posible o asentamento poboacional na Ourense daquela época. 

O libro -integrado no plan de publicacións da Deputación de Ourense- conta coa presentación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen salienta que se trata “dun deses traballos necesarios para coñecer a historia de Ourense, que contribúe a pór en valor o noso pasado e constitúe un método investigador baseado na documentación que se conserva nos arquivos da provincia de Ourense, centros de documentación imprescindible”. 

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Nesta mesma liña, César Fernández dixo no acto de presentación que esta obra “nos achega á historia de Ourense a través do mundo dos mercados, unha das fórmulas de relación e desenvolvemento social que marcan a idiosincrasia dun pobo”, e salientou a sólida formación do autor en Filoloxía Románica, Teoloxía e Dereito, o que fai que esta obra, froito dunha tese de doutoramento, “presente con máxima rigorosidade unha pormenorizada análise da Ourense medieval”. 

Alberto Pascual, macedán de nacemento, expresou o seu agradecemento á Deputación de Ourense, institución da que foi técnico e director da Escola de Artes e Oficios, e comentou que o libro recolle a historia da cidade de Ourense no momento no que se restaura a sede Auriense e se constitúe como unha agrupación de persoas, a finais do século XI, “unha época na que resultaba moi difícil vivir aquí ao non contar a cidade cunha muralla, o que provocaba, daquela, unha importante inseguridade”. 

O autor fixo un repaso polo proceso de investigación que levou a cabo para conformar un libro que analiza a orixe urbana e institucional da civitas auriense no medievo; os aspectos normativos do mercado; a ordenación xurídica local, e o desenvolvemento da actividade económica nesa etapa histórica de finais do século XI, xunguida á restauración da sede episcopal e suxeita á autoridade xurisdicional do seu prelado, baixo os condicionantes substanciais da contención árabe e da repoboación territorial. 

Así se foi conformando un núcleo de poboación dedicado ás labores agrícolas e vinícolas, nun espazo urbano folgado e en rápida construción de casas e tendas en rúas e prazas, mesturado de hortas, chousas e soares, no que irán aparecendo mercadores e artesáns. A publicación analiza os factores que afectan á actividade comercial ‒eventos feirais, mercadorías e medios de pago, vías e medios de comunicación‒ e complétase cunha análise das actividades produtivas ordinarias e a circulación de persoas e mercadorías. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------