Gabriel Alén trasládalle ao alcalde de Vilardevós un convenio para a mellora integral do centro de saúde

Acompañado do xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial

  • O proxecto suma un orzamento de preto de 11.000 euros que serían financiados a partes iguais pola Xunta e polo concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal
  • Gabriel Alén destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para proporcionar aos veciños destes concellos unha atención primaria máis próxima, máis moderna e mellor adaptada ás súas necesidades
  • A Xunta de Galicia xa construíu ou renovou un total de 83 centros de saúde dende o ano 2009, o que supuxo actuar sobre case 70.000 m2 cun investimento de máis de 100 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, reuníronse esta mañá, co alcalde de Vilardevós, Manuel Cardoso, para presentarlle unha proposta de convenio que permitiría levar a cabo unha mellora integral do centro de saúde do concello.

AVANTAR ACTIVIDADES

O orzamento previsto é preto de 11.000 euros, que serían financiados a partes iguais pola Xunta e polo concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal.

A Xunta de Galicia foi a encargada de realizar os informes da situación actual do edificio e elaborou as propostas de convenio que hoxe se lle presentaron ao alcalde. Desde o Goberno galego levaríanse a cabo as obras de forma coordinada para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a este centro.

O delegado territorial da Xunta trasladoulle os informes realizados pola Consellería de Sanidade no que se reflicte a necesidade de levar a cabo as obras de instalación dun sistema de produción de aire frío.

Gabriel Alén puxo en valor este investimento para mellorar a calidade asistencial dos centros de saúde e para facilitar os seus usos por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para proporcionar aos veciños destes concellos unha atención primaria máis próxima, máis moderna e mellor adaptada ás súas necesidades.

A Xunta de Galicia xa construíu ou renovou un total de 83 centros de saúde dende o ano 2009, o que supuxo actuar sobre case 70.000 m2 cun investimento de máis de 100 millóns de euros na mellora das infraestruturas de atención primaria. Ademais, os vixentes Orzamentos da Xunta para 2021, os primeiros da lexislatura, duplican os investimentos en atención primaria ata os 55 millóns de euros.