A tecnolóxica Tiekom estuda situar en Ourense a súa sede de servizos

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Carlos Díaz (DEO de Tiekom) e Vicente Martín Egaña (Consultor de Zincapital).

Manuel Baltar, na súa estratexia de transformar Ourense nun “hub tecnolóxico”, destaca a importancia “de achegar á nosa provincia empresas de alto valor tecnolóxico para propiciar networking, intercambio de iniciativas e proxectos, así como a busca de socios de negocio e investidores”, afirma

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co CEO da empresa tecnolóxica Tiekom, Carlos Díaz, e co consultor de Zin Capital Vicente Martín, con que analizou a estratexia que está a estudar a compañía para instalar a súa sede de servizos en Ourense. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar destacou na reunión a aposta que a Deputación de Ourense está a realizar no ámbito da innovación tecnolóxica e o seu labor para achegar a Ourense empresas de alto valor tecnolóxicos, citando como exemplo Viewnext, a filial de IBM, que desenvolve o seu labor no “Edificio Intelixente”, grazas á alianza de colaboración entre a Deputación de Ourense e Abanca. Baltar tamén resaltou a súa iniciativa de que a capital ourensá conte no vindeiro curso co Centro de Innovación da Formación Profesional de Galicia, unhas instalacións que serán un referente para o ensino de FP na comunidade galega e no Norte de Portugal, salientando, asemade, a previsión de reforzar o Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole-, iniciativa que se enmarca na estratexia “Provincia Intelixente” que vén desenvolvendo a Deputación de Ourense. 

A idea de Manuel Baltar de transformar a Ourense nun “hub tecnolóxico”, atraendo empresas de diferentes sectores e propiciando o networking, o intercambio de iniciativas e proxectos, así como a busca de socios de negocio e investidores, cobra relevancia co plan que está a estudar Tiekom, que é un provedor de servizos de comunicacións e contidos, que dirixe principalmente o seu mercado a cidadáns europeos que residen en España de maneira permanente ou por longas tempadas. Tiekom dispón da maior oferta de conectividade e acceso a internet, apoiándose no operador líder do ámbito nacional. 

A compañía ofrece un entorno de confianza e solucións baseadas no despregue tecnolóxico de cada entorno xeográfico, así como outros especiais para colectivos, asociacións ou grandes contornas residenciais. Ademais de servizos de telecomunicacións, Tiekom ofrece tamén unha plataforma de televisión onde os clientes poden ver programas do seu propio país en calquera dispositivo, e a súa web contempla un apartado dedicado a enerxía verde, que permite coidar do medio ambiente e aforrar ata un 40 % nas facturas mensuais. Proximamente incorporará unha sección especializada en videoxogos e en sistemas de seguridade para o fogar.