A Xunta colabora co concello de Arnoia na creación dun parque infantil en Reza

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o novo espazo de lecer destinado á poboación infantil do concello da Arnoia construído no lugar da Reza, e que contou cunha axuda da Xunta ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público.

Publicidade

A Xunta destinou a esta actuación máis de 33.800 euros, co obxecto de que se construíse un parque infantil cuberto para favorecer o seu uso todos os días do ano, independentemente  das condicións meteorolóxicas, e para aumentar a vida útil dos xogos. A zona de ocio construíuse nunha zona do lugar da Reza que xa dispoñía dun área recreativa pero que, malia ser o segundo núcleo de poboación máis importante do concello, carecía dun espazo de lecer axeitado para os cativos dun municipio onde o número de rapaces está a medrar nos últimos anos.

A achega da Xunta encádrase na Orde de Infraestruturas de uso público, a través da cal o Goberno galego distribúe este ano 4 millóns de euros ás entidades locais para a creación, ampliación ou reforma das súas infraestruturas destinadas á prestación de servizos municipais.

Natalia Prieto lembrou que a Xunta leva investido máis de 784.000 euros na Arnoia nos últimos anos, sexa a través da Orde de Infraestruturas de uso público –que permitiu acondicionar o campo de fútbol da Queixeira e o acceso ás instalacións fluviais no contorna do balneario, entre outras actuacións-, ou do Fondo de Compensación Ambiental –coa mellora da rede de abastecemento de auga ou a construción do punto limpo municipal-, iniciativas destinadas a mellorar os servizos municipais e as condicións de vida da súa veciñanza.