Este acordo, asinado polo Manuel Baltar e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, permitirá a integración na Biblioteca Dixital de Galicia dos fondos bibliográficos do periódico ourensán 

Publicidade

“A preservación por medio da dixitalización do legado informativo do xornal La Región, permítemos manter a memoria do noso; é unha obriga que temos coa historia da nosa provincia para conservar os aconteceres máis importantes que se deron en Ourense desde 1910”, afirma Baltar 

No seu momento, a Deputación de Ourense adquiriu este arquivo para poñelo a disposición dos ourensáns e de calquera persoa interesada no devir da provincia, “cun fedatario tan importante da historia do territorio provincial como é La Región, un grupo de comunicación líder no mundo da emigración, no ámbito provincial e de Galicia”, destaca o presidente da Deputación. 

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o conselleiro de Cultural Román Rodríguez, asinaron hoxe en Santiago un convenio de colaboración para integrar e difundir no repositorio de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia os recursos dixitais procedentes do escaneo e tratamento bibliográfico do xornal La Región. A través do repositorio de Galiciana-BDG difundiranse tanto os obxectos dixitais xa realizados e custodiados pola Biblioteca de Galicia, como os de nova creación proporcionados pola Deputación de Ourense. A finalidade será a de mellorar o acceso ao contido de dita publicación e lograr a súa preservación. O rango cronolóxico obxecto de incorporación a Galiciana-BDG vinculado a este convenio será o dos números do xornal publicados desde 1910 a 2006. 

No seu momento, a Deputación de Ourense adquiriu este arquivo para poñelo a disposición dos ourensáns e de calquera investigador ou persoa interesada no devir da provincia, “cun fedatario tan importante da historia do territorio provincial como é La Región, un grupo de comunicación líder no mundo da emigración, no ámbito provincial e de Galicia”, afirma o presidente da Deputación. 

Manuel Baltar destaca que “a preservación por medio da dixitalización do legado informativo do xornal La Región, permítemos manter a memoria do noso; é unha obriga que temos coa historia da nosa provincia para conservar os aconteceres máis importantes que se deron en Ourense desde 1910”, e engade que La Región “foi e segue sendo esa necesaria canle coa sociedade ourensá”. 

Por medio deste acordo, a Deputación de Ourense, como titular do dereito exclusivo á explotación e difusión dos números de La Región desde 1910 ata 2006, permitirá á Consellería de Cultura exercer os dereitos de reprodución e comunicación pública a través de Galiciana-BDG de todos os números de La Región que foron ou serán obxecto dun proceso de dixitalización sistemática. 

Neste sentido, a Deputación de Ourense comprométese a levar a cabo proxectos que impliquen a dixitalización, asignación dos metadatos e xeración dos formatos de imaxe para a preservación e difusión na Internet de todos os números da súa colección en papel que estean comprendidos no rango cronolóxico que vai desde 1957 a 2006. Tamén realizará recursos dixitais accesibles dos números orixinais publicados no ano 1946, dos que non existe dixitalización nos depósitos da Biblioteca de Galicia.  

No marco deste convenio, a Deputación de Ourense facilitará a Consellería unha copia en disco duro dos recursos dixitais procedentes do escaneo e tratamento bibliográfico de La Región a medida que vaia avanzando na dixitalización sistemática dos números publicados en 1946 e entre os anos 1957 a 2006. 

Seguindo o establecido nos “Requirimentos técnicos para proxectos de dixitalización de fondos bibliográficos en institucións da memoria de Galicia”, os novos recursos dixitais que xenere a Deputación de Ourense sobre números de La Región terán que entregase tanto en formato de preservación como de difusión. Os técnicos da Biblioteca de Galicia realizarán as importacións deses novos obxectos dixitais a Galiciana-BDG e coordinaranse coa Oficina da Memoria Dixital de Galicia para que incorporen o formato de preservación ao repositorio destinado a este fin. A Deputación de Ourense será informada puntualmente ao remate destes proceso. 

Pola súa banda, a Consellería de Cultura comprométese a entregar á Deputación de Ourense unha copia en disco duro USB 3.0 de todos os recursos dixitais dos números de La Región que custodia a Biblioteca de Galicia. Trátase da dixitalización dos números que se publicaron entre 1910 e 1945 e de 1947 a 1956; e dará acceso público a través de Galiciana-BDG tanto dos obxectos dixitais que xa posúe como dos novos recursos dixitais accesibles que proporcione a Deputación de Ourense despois de concluír os seus proxectos de dixitalización sistemática. 

O acordo recolle que a Consellería, a través da Secretaría Xeral de Cultura, é a responsable de manter e actualizar Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia (en diante Galiciana-BDG), o repositorio do patrimonio bibliográfico dixital galego. Ademais é responsable de fomentar relacións de colaboración con outros centros ou organismos tanto públicos como privados que poidan contribuír a incrementar a colección de Galiciana-BDG. 

Tamén sinala que o xornal La Región “é un dos máis antigos de Galicia, xa que se ven publicando cunha periodicidade diaria dende 1910; cubre información xeneralista pero é o único que dedica unha especial atención ás noticias referentes á provincia de Ourense. O xornal configurouse como unha publicación independente ao servizo dos intereses de Ourense e a súa provincia, unha filosofía que mantén ata hoxe en día. La Región é e foi sempre identificado como o periódico da provincia, xa que é o único da capital ourensá que se mantén na actualidade. Por este motivo, pero tamén polo interese dos seus contidos para a investigación, polo fraxilidade do soporte papel ao paso do tempo, é de especial interese para Galiciana ofrecer os seus contidos en liña e en aberto a todos os investigadores e á toda a cidadanía en xeral”. 

Polo que respecta a Galiciana-BDG, ten como un dos seus principais obxectivos a conservación e difusión do patrimonio hemerográfico galego. E neste sentido, o convenio hoxe asinado recolle que a prensa histórica galega “é unha fonte primordial de información para estudos e investigacións vencellados con diferentes ámbitos da cultura galega. Levar adiante un proceso de dixitalización sobre a colección do xornal La Región melloraría os servizos para os usuarios en xeral, proporcionando un acceso de maior calidade aos recursos da Consellería en relación ca educación e a formación continua”, e expresa que a preservación do contido da prensa histórica galega “é unha prioridade para a consellería pola inestabilidade do papel no que habitualmente se imprimía. Reducir a manipulación e o uso de materiais orixinais fráxiles ou utilizados intensivamente e crear unha “copia de seguridade” para o material deteriorado como o da prensa histórica é unha das prioridades de todo proxecto de dixitalización. Esta é outra das razóns pola que se xustifica levar adinte os traballos de transformar a dixital os exemplares en papel do xornal La Región”, destaca o convenio.