Espazo Común insta ao concello do Carballiño a promover escavacións e a posta en valor do castro e do mosteiro de Lobás

O importante conxunto histórico presenta un estado de total abandono e está en risco de ser irrecuperable.

Foi incluído na LISTA VERMELLA de patrimonio en perigo.

AVANTAR ACTIVIDADES

 O Grupo Municipal de Espazo Común ven de rexistrar para que sexa tratada no vindeiro pleno unha moción na que demanda atención e actuacións inmediatas sobre a pésima situación na que se atopa un dos máis importantes conxuntos históricos dentro do Concello do Carballiño, o que compoñen o Castro do Coto de Lobás e o Mosteiro de San Pedro da mesma parroquia.

É envexable contemplar como outros concellos próximos coma Boborás, Maside ou Beariz levan a cabo escavacións e proxectos de recuperación dos seus castros namentres no Carballiño, o abandono do patrimonio e máis ca preocupante.

MOCIÓN:

Na aldea do Mosteiro, na parroquia de Santa Uxía de Lobás, dentro do Concello do Carballiño, atopamos un conxunto de alto interese histórico formado por unha banda polo Castro do Coto de Lobás que data do século IV antes de Cristo e que foi escavado en 1988 por Orero Grandal. É un castro iste que, probablemente, foi un centro de grande actividade metalúrxica dos minerais que se extraian dos montes da Madanela e do Irixo (Larouce, Loureiro…).

Por outra banda, moi preto está o Mosteiro de San Pedro de Lobás, fermoso conxunto do século XI formado polo antigo convento da Orde das Benedictinas e unha igrexa de estilo románico.

Todo este conxunto, lonxe de ter sido recuperado e posto en valor, atópase en ESTADO DE ABANDONO TOTAL.

Xa no ano 1988 a Xunta de Galicia declarou o seu interese en restaurar todos estas históricas edificacións.

Mesmo nos anos 2008, 2009 e 2010, o Concello do Carballiño incluiu nos seus orzamentos unha partida de 800.000 € que nunca chegou a executarse..

No ano 2018, o actual conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitou o Mosteiro cun técnico e adquiriu o compromiso de estudar as actuacións necesarias para a súa recuperación, pero como é evidente, non se fixo nada.

No ano 2020, concretamente o 6 de marzo, o Mosteiro foi incluído na LISTA VERMELLA DE PATRIMONIO pola organización Hispania Nostra dado o seu ruínoso estado e o risco de tornarse en irrecuperable.

Dada  a obvia importancia arqueolóxia e histórica do devandito conxunto e

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. Que o Concello do Carballiño se dirixa á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Cultura solicitándolles axuda para a recuperación e rehabilitación do Castro do Coto de Lobás e do Mosteiro e Igrexa de San Pedro de Lobás.
  2. Que nos vindeiros orzamentos municipais se inclúa unha partida para a posta en valor do noso patrimonio arqueolóxico e histórico.