Os senadores populares reivindican a conexión entre Ourense e Lugo pola A-56 “defendendo con contundencia o que é noso”

Publicidade ASPADISI

Nun acto celebrado en Chantada para analizar a resposta que ofreceu o Goberno de Sánchez sobre as previsións para rematar esta autovía

Consideran que “os investimentos anunciados non permiten avanzar nos tramos da autovía, unha infraestrutura irrenunciable para a conexión das provincias do interior de Galicia”, afectada tamén polo mal estado da N-540

HIPER MASIDE

·      Os populares destacaron que “foi o Goberno do PP o que impulsou o tramo que está en funcionamento”, engadindo que “se nos anos 2019 e 2020, o Goberno socialista investira o mesmo que nos dous anos anteriores fixo o goberno do PP estaría rematado outro tramo máis da autovía”

·      Os representantes ourensáns afirman que esta vía “permitiría a conexión entre o Norte de Portugal, a comarca do Ribeiro e o norte peninsular mediante vías de altas capacidades”.

Os populares reivindican a autovía A-56 (Ourense-Lugo), “unha infraestrutura irrenunciable para a conexión das provincias do interior de Galicia, afectada tamén polo mal estado da N-540, polo que continuaremos coa nosa folla de ruta, actuando con contundencia na defensa do que é noso e que queremos que sexa unha realidade o antes posible”. Con esta declaración concluíu o encontro de traballo celebrado hoxe en Chantada no que participaron os senadores ourensáns Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco José Fernández, xunto aos representantes na Cámara Alta da provincia de Lugo e alcaldes dos concellos afectados, entre os que se atopaba Amador Vázquez, rexedor de Vilamarín.

Os populares deducen da contestación do Goberno de Sánchez sobre as previsións para rematar esta autovía que “non hai compromiso algún para facer a A-56, pois os ínfimos investimentos anunciados non permiten avanzar na súa execución, unha mala nova para a veciñanza dos concellos polos que discorre esta vía”.

O Partido Popular xa ten manifestado que non renunciará a completar a A-56 tal e como estaba proxectada como autovía. “É unha vía imprescindible como eixo vertebrador do interior de Galicia e que, ao mesmo tempo, permitiría a conexión entre o Norte de Portugal, a comarca do Ribeiro e o norte peninsular mediante vías de altas capacidades”.

IMPULSO Á A-56 CO GOBERNO DO PP

Os senadores lembraron que “foi o Goberno presidido por Mariano Rajoy o que tomou en serio este proxecto investindo entre o 2015 e o 2018 as maiores cantidades para facer posible o tramo que actualmente está en funcionamento, entre os municipios de Vilamarín e Carballedo”. Se nos anos 2019 e 2020 “o Goberno socialista investira o mesmo que nos dous anos anteriores –26 millóns de euros co goberno do PP-  estaría rematado outro tramo máis da autovía”, destacaron.

Tanto deputados coma senadores teñen denunciado en varias ocasións a paralización desta autovía que “supón un grave prexuízo para a veciñanza e tamén para as empresas vinculadas ao transporte que, aínda por riba, sofren a diario o mal estado da N-540, co firme en mal estado, liñas desdebuxadas e que resulta perigosa en determinadas zonas nas épocas de xeada”, condicións que os asistentes ao encontro tiveron a ocasión de comprobar.

Os representantes populares reclamaran en abril o seu arranxo sumándose ás demandas da poboación e presentaron iniciativas no Parlamento de Galicia “onde o PSOE votou en contra desta reclamación, e na Cámara Alta onde o Goberno evitou comprometerse a dar unha solución de forma urxente”.