Baltar denuncia que o grupo socialista “pon nome e apelidos en sede xudicial” a autónomos que cobraron axudas da Deputación

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente do goberno provincial afirma que esta “persecución sectaria e partidista” terá en fronte á Deputación de Ourense, que seguirá defendendo os intereses de autónomos e pemes da provincia, moito máis nesta etapa de grave crise sanitaria, económica e social” 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, denunciou hoxe que o grupo socialista na institución provincial “pon nome e apelidos en sede xudicial a autónomos que cobraron axudas da Deputación”, e afirma que esta “persecución sectaria e partidista” terá en fronte á Deputación de Ourense, “que sempre defendeu, e o seguirá facendo, os intereses de autónomos e pemes da provincia de Ourense, moito máis nesta etapa de grave crise sanitaria, económica e social que estamos a padecer e onde as palabras “axuda” e “cooperación” deben ser a máxima expresión dunha solidariedade que para o grupo socialista brilla pola súa ausencia, tendo en conta que persiste na súa teima por xudicializar unhas axudas, pretendendo así que os autónomos da provincia non poidan dispoñer delas”. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As axudas directas supuxeron unha achega total de máis de tres millóns de euros (3.163.120 €) tanto para pemes (518.000 €) como autónomos (2.644.800 €), e tiveron como obxectivo apoiar a autónomos e pequenas e medianas empresas da provincia de Ourense de 91 concellos (todos agás a capital, os que teñen unha poboación menor a 20.000 habitantes), “para colaborar desde a Deputación á necesaria reactivación económica trala crise provocada pola pandemia do COVID-19, que máis dun ano despois aínda segue a danar gravemente social e economicamente á nosa sociedade e ao seu tecido produtivo”, afirma Manuel Baltar.  

Na rolda de prensa que o presidente Baltar ofreceu hoxe no Pazo Provincial referiuse á resolución xudicial do pasado 8 de xullo, asinada polos representantes do PSOE na Deputación co seu portavoz á cabeza, Rafael Rodríguez Villarino, “nun absoluto exemplo de inquina, odio, rencor e frustación, cometendo a maior torpeza persoal e política que pode facer calquera representante público, indo contra quen crea riqueza e emprego na provincia, como así o reflicten as citacións xudiciais recibidas estes días”. 

O presidente lanzou unha mensaxe de “solidariedade e respaldo incuestionable” aos autónomos ourensáns, ante “a incompresible, vergoñenta e indignante actitude do grupo socialista na Deputación, que non só recorreu estas axudas, senón que ademais tamén votou en contra”. A Deputación, dixo, “estará sempre cos autónomos, tamén agora, nun momento especialmente sensible polas novas restricións, e a ningún representante da corporación se lle ocorrería esta maldade, agás a estes nove deputados, pola estratexia errática do seu máximo responsable”. 

A Deputación de Ourense, subliñou, converteuse no seu momento na institución provincial máis social da historia, “pero o PSOE meteu paos na engrenaxe da institución facendo gala da súa falta de empatía, dunha malísima oposición, narcisista e egoísta, arremetendo contra as primeiras axudas habilitadas por un goberno provincial, áxiles, con burocracia cero e con total dilixencia por parte do persoal da institución, axudas que recibiron todos aqueles que a pediron”. 

En concreto, a Deputación concedeu 5.090 axudas por importe de 3.163.120 euros. Desta contía, 2.644.800 euros foron destinados ás 4.408 solicitudes presentadas por autónomos, que percibiron 600 euros cada un. O resto do importe, 518.320 euros, cubriu as 682 solicitudes presentadas por pemes, a razón de 760 € por empresa. 

O mellor e o peor da pandemia 

“Situacións como esta pandemia -abondou Baltar- poñen ao descuberto o mellor de cada pobo e cada persoa, neste caso as nosas empresas que seguen loitando, pero tamén o peor que, sen dúbida, é o comportamento e a actitude que aínda hoxe, dun xeito incrible, mantén Rodríguez Villarino”. Lembrou neste punto que todo comezou cunha denuncia verbal por parte do portavoz socialista diante da Subdelegación do Goberno, que á súa vez puxo en marcha a maquinaria para ver se a Avogacía do Estado suspendía estas axudas, converténdonos no único caso en Europa, no que a día de hoxe está recorrida unha iniciativa destas características. 

“Mentres Sánchez vende a España como unha nación emprendedora, o seu discípulo en Ourense destrúe as nosas empresas e autónomos, nunha actitude que podería definirse como o Doutor Rodríguez e Míster Villarino, xa que recorre na Deputación o que solicita no Concello de Ourense como oposición, e pide máis axudas a comerciantes no último pleno provincial”, afirmou Baltar, engadindo que a oposición “debe ter capacidade de construír e aportar ideas, pero Rodríguez Villarino só entende este labor coa palabra “contra”: contra o seu partido, contra os seus militantes, contra quen rexen as institucións e contra da xente á que lle di, por unha banda, que virán medidas de apoio e logo as recorre, citando agora para novembro en sede xudicial a beneficiarios das axudas”. 

Baltar remarca que esta “é unha estratexia descoñecida na política mundial e que ten resultados que están á vista de todos, como nas autonómicas de hai un ano no que o partido socialista foi a terceira forza política na provincia e tamén no Concello de Ourense que presuntamente lidera o señor Villariño, aínda que sei que non todos os deputados e deputadas deste grupo provincial, e mesmo alcaldes e alcaldesas socialistas, están de acordo con este plantexamento absurdo e antinatura”. 

Fronte a todo isto, detallou o presidente Baltar, a Deputación de Ourense, trala constitución do Comité do Día Despois en plena pandemia, “converteuse na primeira institución provincial española en habilitar estas axudas, continuando o seu compromiso cos sectores máis afectados a través da achega de 790.000 euros, é dicir, o 1 % do orzamento total da Deputación, para o fondo conxunto de apoio á hostalería da Xunta, e 150.000 euros máis destinados ao bono turístico”. Tamén citou o programa EmprendOU, para a posta en marcha de iniciativas de autoemprego no medio rural, “que xa  supera os cen casos de xente nova que aposta por quedarse no seu territorio”, ou a recente presentación da estratexia para a captación de fondos europeos no marco financeiro plurianual 2021-2027, “onde todos os grupos fixeron as súas achegas agás os socialistas, que non participaron en ningunha reunión”, concluíu Manuel Baltar. 

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------