O Psoe denuncia que o Alcalde e o PP incumpren os seus compromisos coa veciñanza da ponte

 O PSdeG-PSOE de Ourense vén de denunciar publicamente un novo capítulo de promesas “incumpridas” do alcalde, Pérez Jácome, e dos seus socios de goberno do Partido Popular, desta vez, no barrio da Ponte, un dos máis populosos da cidade, pero no que o “abandono e desleixo” do bigoberno municipal é máis que evidente. Os socialistas critican que dotacións clave do barrio coma a praza de abastos, o Espazo Lusquiños, ou a oficina do Ecobarrio sigan pechadas. Apuntan tamén ao abandono “total” das zonas verdes do barrio e o “calamitoso” estado das rúas cheas de fochancas e baldosas levantadas.

A situación de abandono sistemático no barrio de A Ponte preocupa moito aos socialistas, que lle esixen ao bigoberno municipal de PP e DO que “deixe de vender a moto” en reunións con asociacións de veciños e se poña a “traballar” dunha vez para dar solucións ás demandas veciñais. Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que o pasado 17 de febreiro, o rexedor mantivo unha reunión coas asociacións do barrio pontino Vía Vella, AV As Termas e Andén I, na que se comprometía a abordar os problemas da zona, pero a día de hoxe “nada se sabe deses compromisos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Jácome vendeu a “bombo e platillo” na devandita reunión que no mes de abril se procedería á reparación de baldosas de varias rúas do barrio e tamén á mellora e mantemento de zonas verdes, pero tal e como denuncian dende o PSOE “nada se fixo, as baldosas seguen levantadas e as zonas verdes convertidas en selvas impracticables”. Dende o seo dos socialistas ourensáns apuntan tamén a que o estado dos parques e zonas verdes “segue a ser lamentable e sen visos de recuperación”. Fan fincapé en que a día de hoxe “nada se sabe” do Plan de Renovación de Parques Infantís, e menos despois da recuperación de competencias por parte do PP e do seu concelleiro Jorge Pumar.

A estes incumprimentos súmanse tamén outros en materia de dotacións e infraestruturas como é o caso da praza de abastos da Ponte, que o rexedor comprometeuse a sacar a licitación en maio para a súa apertura, pero a día de hoxe “nada se sabe”. “Jácome volveu optar por falsas promesas aos veciños e ás veciñas do barrio, namentres culpa da súa nefasta xestión aos técnicos municipais, derivando como de costume as súas responsabilidades”, critica a concelleira socialista, Natalia González.

Caso similar acontece co Espazo Lusquiños, no que na última xunta de área, a concelleira do PP, Flora Moure, confirmaba a pregunta dos socialistas que seguirá pechado todo o verán porque non van a reactivar a comisión para a aprobación dun novo regulamento para o seu funcionamento en época estival. “Un lugar de referencia para a mocidade de Ourense que leva xa ano e medio de peche gracias a PP e DO”, explica González Beneítez.

Os socialistas tamén apuntan ao anuncio da reparación integral e posta en valor da máquina do tren, feito por Jácome o pasado mes de xuño, na que a día de hoxe só se lle deu unha mao de pintura ao óxido. O alcalde afirma agora que está pendente dun equipo técnico de Asturias e que o orzamento de reparación ascenderá a 40.000 €, polo que tal e como apuntan os socialistas “xa podemos agardar un nova demora, se é que se executa, ata o vindeiro ano”.

Outra das dotacións pechadas a “cal e canto” e a oficina do Ecobarrio, dependente da Xunta de Galicia, os socialistas xa solicitaron a súa apertura e posta en funcionamento a finais de 2020, pero a día de hoxe segue pechada sen que dende o goberno municipal se faga algo ao respecto e a pesar de contar cun “goberno amigo” ao fronte da Xunta. Un caso semellante ao que pasa con actuacións coma a reparación da beirarrúa da Ponte Romana, aínda sen proxecto sequera, máis de dous anos valada e con risco de derrubamento.

Ou a parálise da construción do anunciado centro de maiores de Amancio Ortega no Pino que agora afirman que é complexo xestionar urbanisticamente a parcela, pero si foi precisa unha “demolición exprés” para continuar ata fin de mandato con ese solar baleiro pola súa incapacidade de xestión. Nunha situación similar atópanse os contedores soterrados e de superficie que deberán agardar ao 2022 “se é que finalmente se materializan”, apunta Natalia González, que tamén sinala que “seguen pendentes de alegacións e da aprobación definitiva”.Os socialistas anuncian que “seguiremos a loitar” porque o barrio de A Ponte e o resto da cidade “teña unhas dotacións e servizos dignos”, porque se “fagan cumprir as promesas” e porque remate o “desleixo e abandono” aos ourensáns e ás ourensás.